Aprobada a nova prórroga dos ERTE

O Consello de Ministros acorda prorrogar os ERTE até 28 de febreiro de 2022 pero cun maior compoñente da formación
A hostalaría é un dos sectores máis afectados polos ERTE (Foto: Arxina).
photo_camera A hostalaría é un dos sectores máis afectados polos ERTE (Foto: Arxina).

O Goberno español e os axentes sociais acordaron esta segunda feira á noite a prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) até o 28 de febreiro de 2022. 

O acordo, aprobado no Consello de Ministros desta terza feira, contempla a prórroga dos ERTE nas súas modalidades actuais até o 31 de outubro e, por outro, as novas modalidades, que terán como elemento central a formación, e que se aplicarán a partir do 1 de novembro

Así, do 1 de novembro de 2021 ao 28 de febreiro de 2022 entrará en vigor un novo esquema de  ERTE no que as exoneracións de maior contía estarán ligadas a que as empresas dean formación ás persoas traballadoras suspendidas de emprego.

No caso dos novos ERTE en vigor desde novembro, as empresas de máis de dez traballadores terán un 80% de exoneración nas súas cotas á Seguridade Social se imparten formación e 40% en caso de non facelo. Para as empresas de até dez empregados, a exención será de 80% se imparten accións formativas e do 50% se non o fan.

No caso de optar por accións formativas, as empresas terán que dedicar 30 horas de formación por persoa se teñen entre 10 e 49 traballadores e 40 horas se contan con persoais superiores e a formación deberá impartirse durante a xornada suspendida.

Estas actividades formativas, que deberán realizarse antes do 30 de xuño de 2022, vincúlanse cun aumento do crédito que se utiliza para financiar a formación programada recollida en lei do sistema de formación profesional para o emprego.

Xunto a estes ERTE formativos manterase a modalidade de ERTE de impedimento, vinculada á limitación de actividade ante posíbeis restricións. As empresas acollidas a esta figura pasarán a ter unha exoneración do 100% da achega empresarial a partir de novembro de 2021, durante o período de feche, e até o 28 de febreiro.

Contador a cero

A norma tamén estende o chamado 'contador a cero' até 31 de decembro de 2022, de forma que o tempo consumido de desemprego polo traballador que estea en ERTE desde setembro de 2020 non computará cando se produza un despedimento por calquera causa despois do 1 de xaneiro de 2023. "Nunca existiu na historia un mecanismo de protección fronte ao desemprego tan forte como o que estamos a despregar", destacou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que tamén avanzou a prórroga do plan Mecuida e da prestación extraordinaria para os profesionais das artes até o 28 de febreiro de 2022.

Comentarios