UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Os ángulos mortos de Inditex

Xornadas maratonianas, precariedade, salarios decrecentes e estrés, marcan as condicións laborais dos traballadores das empresas que contrata a multinacional de Amancio Ortega na montaxe das tendas de Zara no exterior. Un volume de negocio de 15.946 millóns de euros -un 16% máis que en 2011-, beneficios despois de impostos por valor de 2.361 millóns -un 22% máis-, un plantel que xa supera as 120.000 persoas -10.800 máis do que no exercicio anterior- e unha arañeira de máis de 6.000 tendas nos cinco continentes que reflicte unha presenza cada vez maior en todo o planeta.

 

Traballadores montan unha tenda de Zara en Azerbaián (Foto:SG)
photo_camera Traballadores montan unha tenda de Zara en Azerbaián (Foto:SG)

Inditex é hoxe unha das compañías máis rendíbeis de Europa, a que máis medra no exterior e a que máis réditos reporta aos seus accionistas. Os resultados desde a súa saída á Bolsa de Valores en 2001 son desorbitados e foxen da lóxica que cabería agardar na conxuntura actual. E é que a expansión da multinacional cuestiona un concepto, a crise, que obviamente non afectou en absoluto as grandes fortunas, senón máis ben todo o contrario.

As cifras do monstro téxtil galego, cuxa historia é narrada desde o albor do século XX polos medios de comunicación de masas case que como unha epopea irrepetíbel do “grande soño americano” protagonizada polo arquetipo moderno do “self-made man”, o austero e discreto Amancio Ortega agochan, porén, outras realidades colaterais que atinxen a prácticas moi concretas das empresas coas que o grupo Inditex mantén relacións comerciais desde hai décadas, practicamente desde o momento, finais dos 80 e primeiros anos da década seguinte, nos que principiou, desde Portugal, a pousar os seus tentáculos por todo o mundo.

Así, a imaxe modélica de Inditex non é todo o inmaculada que se pretende facer ver. De feito, son coñecidas as denuncias de diferentes organizacións –ningunha delas españolas, por certo, como Setem ou o Center of Research on Multinational Corporationse tamén de institucións como o Ministério de Trabalho do Brasil ou medios como a británica BBC verbo das condicións laborais dos traballadores que, a través de intermediarias ou, como ocorría en Galiza antes da deslocalización da fabricación, de cooperativas, producían roupa para Inditex. Na maior parte dos casos o conflito resolveuse con compensacións millonarias. 

Outras fases da actividade vencellada a Inditex deixan ángulos mortos nos que se rexistran decote prácticas abusivas e actitudes neglixentes.

Mais as precarias condicións dos que, dun ou doutro xeito, directa ou indirectamente, traballan no exterior para o grande grupo téxtil galego non fican só no proceso de fabricación das prendas. Sen chegar a eses extremos –son varios os casos probados de explotación de menores e non tan menores nas empresas que lle fan as prendas-, outras fases da actividade vencellada a Inditex deixan ángulos mortos nos que se rexistran decote prácticas abusivas e actitudes neglixentes, como manifestan varias testemuñas. Eis o caso da montaxe das tendas, unha encarga que, con apenas variacións, continúa a recaer nos mesmos talleres de carpinteiría e deseño que acompañaron a Inditex desde o inicio da súa expansión internacional. 

O Grupo Caamaño ou Cándido Hermida son só dous exemplos, os máis veteranos se cadra, dunha relación comercial con moita raigame. A propia empresa e os expertos en márketing sinalan como un dos factores explicativos do éxito do universo Zara o seu peculiar modelo de xestión: unha estrutura vertical que blinda a tutela e mais o control de todas as fases do proceso da moda: deseño, fabricación, loxística e venda en tendas propias. Neste modelo organizativo que abrangue toda a cadea comercial, o espazo, a tenda, é o “elemento clave”. Para Inditex, só así se crea unha ambientación óptima para establecer unha relación “confortábel” co cliente. 

A relación de Cándido Hermida con Inditex remóntase ao ano 1991. Daquela, a empresa de Amancio Ortega comezaba o seu despegue e precisaba empresas que lle axudasen a preparar e instalar as múltiples tendas que ía abrindo, baseadas nese peculiar concepto de establecemento que se apoia tamén no reclamo que supoñen os inmóbeis privilexiados nos que se ubican. Para tal cometido, Ortega confiou “nos da casa”, e continúao facendo coa maioría deles. Noutros, como é o caso da recente inauguración da tenda piloto de roupa de baixo custe Lefties no centro comercial coruñés Marineda City da Coruña, instalada por una empresa da zona, Tecais, unha auxiliar habitual do sector naval, o acordo está aínda por concretarse, pero semella que finalmente frutificará. 

"Neste tipo de traballos pasas moito tempo fóra de casa, até 8 ou 9 semanas seguidas e o ritmo é brutal".

Ese matrimonio levou á empresa do ebanista de San Sadurniño a encargarse da fabricación e mais da montaxe dos móbeis de moitas das tendas que Inditex, principalmente Zara, inauguraba en todo o mundo. É “vox populi” que as condicións nas que eses traballadores veñen desempeñando o seu traballo non son as máis acaídas, situación que se acentuou debido “á crise e ás reformas laborais dos últimos tempos”, sinala o responsable da Federación da Construción e a Madeira en Ferrolterra, Marcos Sánchez, pois “atacaron duramente ás condicións de traballo no exterior, que se realizan sen control ningún”. A flexibilidade, a mobilidade e a redución dos salarios como fórmula para baixar o número de desempregados, así como o abaratamento do despedimento, só serviron para xerar máis paro e, no caso dos que aínda conservan o posto de traballo, rebaixar as condicións que xa tiñan. 

No sector da construción, este descenso é máis acusado, pois a crise chegou antes e os seus efectos foron máis devastadores. “O pouco que queda deste sector”, explica Sánchez, “está moi mal: hai pouca obra e, polo tanto, as condicións vanse deteriorando. Moitas veces as empresas que concorren a unha obra, sexa pública ou privada, van a custe mínimo, con moita baixa no orzamento, e iso repercute nas condicións traballadores e traballadoras”.

Nos traballos fóra de fábrica de Cándido Hermida ocorre isto mesmo. Aínda que nas reunións entre a dirección desta e doutras empresas do ramo coa parte social adoita falarse da dificultade de atopar un perfil de profesional que estea disposto a coller a equipaxe e botar un, dous ou tres meses fóra da casa montando unha tenda tras outra, a realidade, indica o responsable da CIG, “é que ao mesmo tempo despiden operarios que levaban sete e oito anos facendo ese traballo”. Para o sindicalista, o máis sangrante é que até pouco antes de recibir o finiquito, estes empregados viñan cobrando pluses e incentivos. O motivo do despedimento, pa radoxa l mente, era u n ha “ ba i xa produtividade”. “É a máis flagrante das contradicións”, apunta Sánchez, quen alude ao carácter “exemplarizante” dos mesmos: “Ás veces dános a impresión de que o único que pretenden é meter medo e preparar á xente para que acepte o que sexa”. 

"O salario bruto que percibe quen segue amoblando os estabelecimentos de Zara caeu un terzo".

Só unha remuneración acorde podería compensar unhas condicións de traballo especialmente duras. Noutros tempos esas retribucións si eran aceptábeis; agora non o son. “Hai que entender que neste tipo de traballos pasas moito tempo fóra de casa, até 8 ou 9 semanas seguidas e o ritmo é brutal”, apunta o responsábel da CIG. “Hai que apurar moito porque os prazos son os que son, coas dificultades de que a maquinaria non chega a tempo e, polo tanto, todo se complica, incluída a seguridade e a saúde laboral, na que se pasan por riba moitas cousas”. 

O sindicalista ten claro que as pré- sas “ponas Inditex”. “A súa forma de actuar”, subliña, “é decidir que nun prazo moi curto de tempo queren abrir catro, cinco ou seis tendas en diferentes países do mundo, e queren abrilas xa. Hai moi pouco tempo para desenvolver o proxecto, pois non son precisamente establecementos cativos, senón macrotendas nas que hai moito que facer, ás veces comezando de cero”. Ademais, a posición preeminente de Inditex en calquera relación comercial determina mesmo as marxes das empresas que lles emprestan servizos. “Sabemos como traballou Inditex no téxtil”, lembra o sindicalista, “é dicir, impoñendo prezos no caso da montaxe actúa dun xeito semellante, mesmo con ultimatos de que hai outras empresas que fan ese traballo máis barato, en definitiva, os mesmos argumentos que empregan as empresas que ameazan con deslocalizarse”.
 


 

"As fábricas de Bangladesh témolas tamén en casa"

Falamos cun traballador que estivo sete anos montando tendas para Inditex. Calcula que tería traballado nun cento de instalacións en todo mundo. Chegou a estar até tres meses seguidos sen voltar a casa. As condicións eran duras, mais recoñece que o salario era aceitábel. Agora xa non o é. “Cando eu comecei traballabamos 12 horas como mínimo que se pagaban a máis de dez euros; hoxe páganse a menos de sete e como tales extras só se computa o tempo que excede de 8 horas”. Con meses de máis de 200 horas extras, o salario bruto que percibe quen segue amoblando as tendas de Zara caeu un terzo. Ademais dos cartos, hai outros factores que afectan o traballo. Principalmente, o estrés. “Chegabamos co tempo xusto, agás que se tratase dunha tenda piloto, e nalgunha delas, e non precisamente no estranxeiro, tivemos xornadas de 18 horas”. Os descansos son outro dos aspectos que non se coidan en exceso. “Non é a primeira vez que baixamos do avión logo de varias horas de voo, deixamos a equipaxe no hotel e nos poñemos a traballar doce horas seguidas”, relata. “Teñen moita sorte de que aínda non houbese unha desgraza”, láiase antes de asegurar que “as fábricas de Bangladesh témolas nós tamén en casa”.
 


 

"A seguridade e o medo a perder o traballo"

Os técnicos de Prevención e Saúde Laboral coñecen ben a situación dos traballadores no exterior, pero advirten de que esas prácticas son difíciles de contrastar debido á escasa información que lles chega. Nese senso, sinalan que coa crise se impuxo tamén un manto de silencio sobre un aspecto clave, a seguridade no traballo. “As empresas”, contan, “nunca din abertamente que non invisten nisto ou en formación, pero indirectamente inoculan nos traballadores o medo a perderen o posto de traballo. Hoxe, despedir sae case debalde e por iso moitos preguntan se os poden botar por unha baixa, aínda que sexa unha continxencia común”. Por iso, engade, o operario non é hoxe tan esixente coa seguridade: “Veo como algo secundario”, apuntan. Entre os técnicos en prevención adoita ilustrarse a situación cunha anécdota que reflicte a realidade do Estado español neste eido. “Cando imos a congresos ou xuntanzas internacionais, os compañeiros estranxeiros fan mofa coa suposta inexistencia de enfermidades profesionais no Estado, como figura nas estatísticas”, din. “Hai unha práctica estendida que consiste na infradeclaración de accidentes e nós e cremos de feito que non se informa nin a cuarta parte das que hai”, alegan.
 

Esta reportaxe apareceu no Sermos65, publicado a 19 de setembro de 2013 .

Comentarios