Sindicatos ven "un tempo extra" para intervir Alcoa

A empresa multinacional dona da fábrica de Alcoa en San Cibrao accedeu onte a ampliar até o vindeiro 4 de agosto o período de consultas do expediente de despedimento colectivo que afecta 534 traballadores. Este prazo, segundo o calendario anterior ao acordo, tería rematado hoxe. 
Protesta de traballadores de Alcoa ante a Xunta o pasado 1 de xullo (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Protesta de traballadores de Alcoa ante a Xunta o pasado 1 de xullo (Imaxe: Europa Press)

A dirección da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo) accedeu na quinta feira, 23 de xullo, a ampliar até o 4 agosto o período de consultas sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para a planta de aluminio da Mariña, o cal afecta 534 traballadores. O acordo alcanzouse na reunión mantida este 23 de xullo entre a dirección e o comité de empresa. Deste modo, o prazo do período de consultas do ERE que finalizaba inicialmente hoxe queda prorrogado até o 4 de agosto. A empresa e o comité acordaron volver reunirse os días 28 e 30 de xullo e 3 e 4 de agosto.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, afirmou ao remate da xuntanza que se tratou esta dunha reunión "moi dura", e puxo en valor que se conseguira "aprazar durante un tempo o ERE, que era o que estaban pedindo as Administracións para poder pór solucións enriba da mesa. Agora estamos contentos porque gañamos ese tempo e esperanzados con que a ministra dunha vez cumpra a súa parte, así como a Xunta da Galiza, e poñamos entre todos unha solución". 

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, que participou da reunión de negociación, sinalou a Nós Diario, que os días conseguidos significan "un tempo extra" que obriga a facer o que veñen reclamando desde o sindicato e o comité de empresa: que o Goberno español e o galego dean pasos firmes e contundentes no camiño da intervención pública da planta de Alcoa en san Cibrao e poñan en marcha un plan industrial que permita manter a continuidade de todos os postos de traballo, así como a produción de aluminio. 

Antonte, 22 de xullo, no Congreso dos Deputados o parlamentario do BNG, Néstor Rego, interpelou a ministra de Industria Reyes Maroto, urxíndoa a nacionalizar a planta para salvar os postos de traballo e a produción. Maroto, porén, eludiu posicionarse e apelou a Xunta a facer uso das súas competencias para lograr a ampliación do prazo de negociación.

Comentarios