Maroto exixe implicación a Feixoo para ampliar as negociacións con Alcoa

A ministra de Industria, Reyes Maroto, reprocha ao Executivo de Núñez Feixoo que non faga uso das súas competencias en materia de emprego para tentar alongar as negociacións entre a dirección e o cadro de persoal de Alcoa sobre o ERE que afecta 534 traballadores. Tamén bota en falta accións en materia industrial. 
Álvaro Dorado, presidente de Alcoa España, xunto a Núñez Feixoo e Maroto o pasado outubro.
photo_camera Álvaro Dorado, presidente de Alcoa España, xunto a Núñez Feixoo e Maroto o pasado outubro (Europa Press).

A ministra de Industria, Reyes Maroto, aproveitou onte a súa comparecencia no Congreso das Deputadas para exixirlle á Xunta "que traballe para poder alongar o período de consultas" entre a multinacional Alcoa e o persoal traballador da factoría sobre o ERE que afecta 534 empregados da principal. 

Na sesión de control, a titular de Industria afirmou que o Goberno español demostrou "con feitos" a súa vontade para lograr o obxectivo colectivo de manter a actividade da planta galega e o emprego. Neste sentido, apuntou que o seu departamento puxo sobre a mesa un plan industrial que Alcoa rexeitou nun principio e que agora "parece estar a valorar".  

"Cremos que segue a ser viábel, hai unha oportunidade para que Alcoa sente a negociar co Goberno da man do comité de empresa e da Xunta para conseguir dar unha solución á planta",  sinalou a ministra, quen reprochou ao Executivo de Núñez Feixoo que o Goberno puxo enriba da mesa solucións para a planta galega, fronte á Xunta, onde non houbo moitas propostas e si "moitos reproches".

"Neste momento é vital que a Xunta exixa a Alcoa que amplíe o período de consultas (remata esta sexta feira) e se poña a traballar co Goberno en políticas industriais para manter as capacidades produtivas da planta", engadiu.

Nesta liña, Maroto apuntou que a multinacional norteamericana conta na actualidade con dúas alternativas: ou facer investimentos na planta con outros socios ou vendela, sempre tendo en conta a importancia de manter a actividade produtiva.

Por último, e apelando á "lealdade institucional", Maroto aproveitou para pedirlle á Xunta, que, como lembrou, ademais de en emprego tamén conta con competencias en materia industrial, que poña sobre a mesa as súas propostas para axudar a reverter unha situación "que sería a peor de todas": o fechamento da planta.

"Alcoa ten que decidir se segue con nós ou se dá paso a un proxecto solvente", concluíu a ministra. A resposta, para ben ou para mal, chegará en cuestión de días.

Os sindicatos piden paralizar o ERE

Desde a parte sindical, UXT e CCOO aseguraron que o pasado 20 de xullo tiveron coñecemento por fontes da Administración española e do sector do interese dun investidor "de coñecida solvencia e capacidade na industria do aluminio" pola planta que a multinacional Alcoa ten no concello de Cervo.

"Ante esta posibilidade de adquisición por parte do potencial comprador, ambas as federacións exiximos a Alcoa e ás distintas Administracións, tanto galega como estatal, a paralización do ERE que nestes momentos está a negociarse" e que finaliza esta sexta feira.

Ademais, desde as dúas centrais sindicais instan a dirección de Alcoa a abrir o proceso de análise da posíbel venda e a seguir mentres a actividade produtiva até que se concrete ou non esa posibilidade para non comprometer o futuro da factoría.

Comentarios