Fronte común contra a xestión da Xunta e de DomusVi nas residencias

Exterior da residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela (Arxina)
A cronoloxía mais os argumentos da directora da residencia de maiores DomusVi San Lázaro aos que tivo acceso Nós Diario avivaron as críticas á xestión da pandemia por parte da Xunta da Galiza e das propias residencias privadas. Colectivos sociais, políticos e sindicais urxen unha investigación que sinale os responsábeis da falta de tantas mortes e permita corrixir as deficiencias asistenciais dun modelo de coidados ineficaz.

Os argumentos exhibidos pola directora da residencia DomusVi San Lázaro, en Compostela, nunha carta remitida ás familias das persoas usuarias na que denuncia a tardanza da Xunta á hora de autorizar o traslado de residentes contaxiados aos hospitais e a exclusión dos grandes dependentes dese protocolo, pon en evidencia unha serie de "profundas contradicións" entre o relato da empresa privada e o da Administración galega. Un tirapuxa, censuran colectivos sociais e sindicais, que require "unha investigación urxente e rigorosa" da xestión da pandemia nos centros de maiores da Galiza.

"A carta reproduce un razoamento cuxo obxectivo fundamental é defender os intereses do grupo residencial privado", critica Francisco Vázquez Vizoso, xefe durante moitos anos do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario de Pontevedra e integrante de Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas. Un intento, di, de exculparse e cederlle ó Goberno galego a responsabilidade, "que a ten, mais non exactamente a que ela sinala".

Un discurso falaz

Vázquez Vizoso incide na definición errónea das residencias que, ao seu entender, a directora da DomusVi San Lázaro, Gloria García, pretende estender. "As residencias nin son centros sociais a onde as persoas maiores van xogar ás cartas nin hospitais de agudos. En boa medida atenden persoas maiores, multimedicadas e cunhas necesidades se supervisión máis ou menos continuada. E a proba disto é a súa propia propaganda, onde presumen de ofrecer asistencia sanitaria e servizo médico", en sintonía, di, cunha segunda "falacia" que a dirección de DomusVi en Compostela tamén deixa por escrito, a de que "este non é un centro preparado para un perfil de paciente infeccioso". Ese perfil non existe, advirte Vizoso. "As persoas están enfermas ou non máis recorre a unha terminoloxía retrógrada para confundir ao público".

Desde Modepén tamén critican a "evasión de culpa" que a responsábel da residencia privada exhibe cando delega toda responsabilidade na desidia da Xunta á hora de ordenar o ingreso de pacientes contaxiados polo coronavirus. "Nos hospitais ten que ingresar a xente que se vai beneficiar dun tratamento ou de medidas médicas que non se poden ofrecer en ningún outro contexto, non é un lugar de estancia nin unha vía para sacar de enriba pacientes positivos".

Neste sentido, Francisco Vázquez Vizoso defende que a casa dos residentes é a residencia, que é quen ten a obriga de actuar e garantir os coidados que necesitan en cada momento, sen necesidade sequera de residencias integradas, como ideou o Goberno galego, meros "guetos destinados a albergar doentes positivos". Unha estratexia sen sentido á que o integrante de Modepen suma a tardanza do Sergas "no proceso de medicalización dos centros de maiores".

Desde Vellez Digna tamén poñen o acento na actuación da Consellaría de Sanidade, tardía e deficiente á hora de xestionar a situación crítica de moitas persoas usuarias "que morreron sen chegar a pisar un hospital cando as UCI non estaban colapsadas", afirma Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación.

Irresponsabilidade

"Levamos tempo denunciando que algo pasou cando se deixou morrer tanta xente nas residencias. Non temos un documento que o demostre pero si a convicción de que se vulneraron os dereitos das residentes, que foron tratadas como cidadás de segunda. E o desleixamento do Sergas non exime de culpa os propios centros, que deixaron propagar o virus sen máis coidados".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 17, nos quiosques ou na nube]