A xustiza desestima un recurso de Hablamos español para que a Xunta traducise ao castelán 50.000 documentos das programacións educativas

Manifestación de Hablamos español. (Foto: Hablamos español)
A asociación españolista exixía o envío en castelán dunha documentación que é pública e está accesíbel en galego.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou o pasado mes de xullo un recurso da asociación Hablamos español contra a decisión da Comisión de Transparencia da Galiza de non permitirlle o acceso á programación didáctica dos centros educativos dependentes do Goberno galego.

Segundo recolle a sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, en decembro de 2020 esta asociación españolista demandou á Consellaría de Educación, Cultura e Universidade o envío, “en formato dixital e en castelán”, destas programacións, case 50.000 documentos, sen recibir resposta.

Posteriormente, Hablamos español presentou unha reclamación ante a Presidencia da Comisión de Transparencia da Galiza, dependente da Valedora do Pobo. Dita reclamación foi tamén rexeitada, en setembro de 2021, polo que o colectivo españolista presentou un recurso contencioso-administrativo no TSXG.

Ese mesmo recurso é o que hai uns meses foi desestimado polo alto tribunal galego, aínda que a sentenza non é firme, e contra ela cabe interpor un recurso de casación.

Argumentos contra a reclamación

O letrado da Valedora do Pobo argumentou que a reclamación de Hablamos español tiña que ser “inadmitida” por “ser abusiva”, ao tratarse dunha cantidade tan inxente de documentos, ademais de que estes son de carácter público e pode accederse a eles “a través de páxinas web accesíbeis para todos”.

Aliás, a Valedora do Pobo tamén desestimaba a reclamación polo feito de ser solicitada a documentación en castelán, o que implicaría “unha necesaria acción previa de reelaboración  mediante a súa tradución ao castelán”, segundo recolle a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Neste sentido, o alto tribunal da Galiza subliña que “a plena lexitimidade de defender os dereitos lingüísticos dos hispanofalantes” non pode ser contraria ao cumprimento da lei de normalización lingüística do galego.

Finalmente, e ademais de non admitir o recurso de Hablamos español, o TSXG impúxolle á asociación españolista o pago de 1.500 euros, correspondentes aos custos procesuais.