A xustiza declara a disolución de Barreras e abre a fase de liquidación do estaleiro

Un dos accesos á factoría de Barreras (Foto: Pedro Davila/Europa Press).
O período de consultas sobre o ERE do estaleiro vigués finalizou esta quinta feira sen acordo entre o cadro de persoal e a administración concursal.

O xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou auto, con data 6 de xullo de 2022, no que acorda abrir a fase de liquidación do estaleiro vigués Barreras, e no que declara disolta a sociedade Hijos de J. Barreras SAU.

No escrito, ao que tivo acceso Europa Press, tamén declara o cesamento dos administradores da sociedade (substituídos pola administración concursal) e declara vencidos os créditos concursais aprazados e a conversión en diñeiro dos que consistan noutras prestacións.

Unha vez aberta a fase de liquidación, a xuíza outorga un prazo de 10 días á administración concursal para que presente un plan de liquidación para a "realización dos bens e dereitos integrados na masa activa do concurso".

A apertura desta fase foi solicitada polo propio estaleiro mediante escrito remitido ao xulgado a finais do mes de xuño, ante a imposibilidade de presentar proposta de convenio tras a venda da unidade produtiva (que foi adxudicada a Armón) e a situación de ERTE que afecta os traballadores, pendentes da aprobación do expediente extintivo.

Sen acordo sobre o ERTE

Precisamente, o período de consultas sobre o expediente de extinción de emprego do estaleiro vigués, que suporá o despedimento dun centenar de operarios, finalizou esta quinta feira sen acordo.

Segundo informaron fontes sindicais, a administración concursal non ofreceu máis que "o mínimo", é dicir, un despedimento obxectivo cunha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo dun ano. A partir de agora, o xulgado do Mercantil, deberá solicitar un informe á Inspección de Traballo e posteriormente emitir o auto no que declare a extinción dos contratos.

Ademais, na resolución deberá pronunciarse tamén sobre se hai responsabilidade da propiedade, no caso de que, tal e como reclamaban os representantes do persoal, póidase confirmar que os donos de Barreras (Cruise Yatch Yardco LTD) forman parte dun grupo con unidade empresarial.

Unha vez superado ese trámite, o xulgado deberá abrir a peza de cualificación, para determinar se o concurso de Barreras foi fortuíto ou culpábel. No segundo caso, ábrese a posibilidade de dirimir responsabilidades penais.