Os sindicatos exixen na comisión do ERE de Barreras a readmisión do delegado da CIG despedido

A comisión foi constituída esta terza feira.
Interior do estaleiro Hijos de J. Barreras. (Foto: Europa Press)
photo_camera Interior do estaleiro Hijos de J. Barreras. (Foto: Europa Press)

A comisión negociadora do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de extinción para a maioría do persoal do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras quedou constituída esta terza feira, máis aínda non fixo parte da negociación do expediente.

Segundo informaron a Europa Press fontes sindicais, a reunión serviu para validar a constitución da comisión, na que haberá 12 representantes do persoal (os 9 membros do comité, máis tres delegados, un por cada sindicato), e unha representación da administración concursal.

Así mesmo, confirmouse a listaxe de 20 traballadores do estaleiro que serán subrogados e pasarán a traballar para o novo propietario da unidade produtiva,  Armón.

Neste primeiro encontro, os sindicatos solicitaron a inmediata readmisión de Rafa Pérez, delegado sindical da CIG, despedido en xullo do ano pasado tras participar nunha ocupación simbólica do estaleiro.

As centrais sindicais reclamaron que este traballador, que impugnou o seu despedimento e está pendente de xuízo, volva formar parte do persoal, en igualdade de condicións que os seus compañeiros.

Outras reivindicacións

Por outra parte, os integrantes da comisión solicitaron que, mentres dura a negociación do ERE (as partes teñen un prazo dun mes, antes de comunicar ao xulgado o resultado desas negociacións), o persoal de Barreiras quede fóra do actual Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e poida gozar das súas vacacións sen esgotar as súas prestacións por desemprego.

Aliás, pediron que os traballadores que están en Santander, e que xa saben que non serán subrogados e serán despedidos, poidan elixir tamén se queren consumir as súas vacacións.

A comisión negociadora quedou emprazada para un novo encontro, que se terá lugar o 15 de xuño.

Comentarios