O administrador de Barreras elixe a oferta de Armón, rexeitada polos traballadores por manter só 20 empregos

O administrador concursal inclínase finalmente pola oferta presentada por Armón malia que o comité se pronunciara a favor de Gondán, que se comprometera a garantir a práctica totalidade dos postos de traballo.
Os traballadores de Barreras mobilizáronse ás portas do estaleiro para exixir a continuidade dos seus postos de traballo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación do persoal de Barreras fronte aos estaleiros, o pasado xaneiro. (Foto: Nós Diario)

O administrador concursal de Hijos de J. Barreras trasladou ao Xulgado Mercantil número 3 de Pontevedra —con sede en Vigo— o seu informe sobre as tres ofertas presentadas para adquirir a unidade produtiva do estaleiro vigués, e inclinouse finalmente pola proposta de Armón.

Para o administrador, esta oferta "non só é mellor economicamente", senón que estaría avalada por un "grupo empresarial con máis recursos, experiencia na construción de barcos grandes, previsión de investimentos en prazos concretos" e vén "creando riqueza" na cidade desde 1999.

Estes son algúns dos argumentos recollidos no informe, ao que tivo acceso Europa Press e no que se descarta de forma rotunda a oferta de Marina Meridional —actuais donos da antiga Vulcano, agora estaleiros San Enrique— por non demostrar viabilidade nin unha "mínima garantía de continuidade empresarial".

Na comparación entre as dúas ofertas restantes, a de Armón e a de Gondán, a administración concursal expón que a primeira presenta unha oferta económica superior, que permitiría pagar os créditos, e, en definitiva, que o grupo empresarial ten máis recursos económicos.

Aliás, defende que Armón ten experiencia na construción de grandes buques e contratos en carteira, ten "arraigamento" en Vigo, achega prazos concretos de investimento ou dá unha solución ao despezamento dos cascos do contrato errado con Havila, entre outras cuestións.

Agora será o xulgado o que determine, en última instancia, cal das tres ofertas será a adxudicataria da unidade produtiva do estaleiro. Alén do administrador concursal, a consultora Kroll —contratada polos donos de Barreras Ritz Carlton para pilotar o proceso de liquidación— tamén presentou un informe expresando a súa preferencia por Armón.

Porén, esta non é a opción pola que se decantou o persoal. O comité pide que se lle adxudique a Gondán polo seu compromiso de manter a práctica totalidade do cadro de traballadores.

Reacción dos sindicatos

Os sindicatos expresaron a súa "decepción" co informe da administración concursal e lamentaron que fixese seus algúns dos argumentos da consultora Kroll. O presidente do comité, Sergio Gálvez (UXT), lamentou que este informe supón case con total seguridade que "se bota 100 traballadores á rúa" porque, aínda que a xuíza aínda non emitiu a súa resolución, "en 90 % dos casos a decisión xudicial adoita ir en sintonía coa administración concursal".

Segundo censurou, "habendo unha oferta viábel [a de Gondán], ao final elíxese a máis complicada", e precisamente a única que non subroga á totalidade dos traballadores. Por iso, avanzou que vén "un conflito grave, gordo" porque os empregados "non van quedar parados", e criticou que, neste proceso, van "xuntos" a empresa e a administración, "e os traballadores quedan polo camiño". "É unha 'vendida' en toda regra", sentenciou.

Pola súa parte, Ramón Sarmiento, de CCOO cualificou o documento como "decepcionante", non só porque non lle dá peso ás consideracións sociais, senón porque o administrador concursal "emite xuízos de valor que non proceden". Así, censurou que fai apreciacións que "destilan un profundo descoñecemento" do sector da construción naval.

Na mesma liña, o portavoz da CIG, Rafa Pérez, mostrouse "sorprendido" polas conclusións do informe, que fai unha "valoración nesgada" das ofertas en favor de Armón, mentres "tira por terra os puntos fortes" da proposta de Gondán. Ademais, lamentou que, agora, será "moi difícil" que a xuíza emita unha resolución que non se acomode ao informe do administrador concursal.

O comité prevé que en cuestión de poucos días o xulgado emita a súa resolución e determine cal das tres ofertas será a adxudicataria da unidade produtiva do estaleiro.

Comentarios