A xustiza arquiva a causa contra o presidente de Iberdrola polas súas implicacións no caso 'Villarejo'

O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán (primeiro pola dereita), á súa chegada á Audiencia Nacional para declarar como imputado no caso Tándem, o pasado 18 de xaneiro (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
O maxistrado acepta a quinta petición de sobresemento e Ignacio Sánchez Galán.

O maxistrado asignado no caso 'Villarejo' vén de arquivar a causa existente contra o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, polos presuntos encargos de espionaxe da compañía eléctrica ao ex comisario.

A pasada sexta feira, Sánchez Galán solicitou por quinta vez o sobresemento da súa imputación, amparándose no sobresemento do seu ex xefe de gabinete, Rafael Orbegozo, por prescrición dos delitos.

No seu auto, o xuíz explica que "pode concluírse conforme aos argumentos transcritos, que os delitos imputados a José Ignacio Sánchez Galán estarían prescritos, polo que non cabería outra opción máis que declarar a presencia desta circunstancia extintiva da responsabilidade e con isto decretar o sobresemento libre".

O maxistrado tamén arquivou a causa existente contra o antigo número 2 de Iberdrola, José Luis San Pedro, e o ex director de Administración da compañía, Juan Carlos Rebollo.

Imputación de Sánchez Galán

O titular do Xulgado Central de Instrución Número 6, Manuel García-Castellón, imputou Sánchez Galán en xuño do ano pasado por presuntos delitos de suborno activo, contra a intimidade e falsidade en documento mercantil, mais non foi até decembro, unha vez que a Sala do Penal resolveu unha serie de recursos pendentes, cando se puxo día e hora á súa comparecencia.

Co comezo do ano, o presidente de Iberdrola solicitou ao maxistrado que lle permitise declarar por videoconferencia, alegando que coa nova variante do coronavirus hai unha "maior probabilidade de reinfeccións" e el pertence a un "grupo de risco", mais o xulgado resolveuque non hai "motivos substanciais" para substituír a declaración presencial por unha "opción subsidiaria" como é a videoconferencia.

O auto do xuíz sinalaba que “fica deste xeito indiciariamente acreditado que os servizos non se prestaron nos termos expresados nas facturas, senón que, pola contra, para tratar de agochar os traballos realizados, procedeuse á manipulación dos seus conceptos”.

O escrito de García-Castellón denunciaba a actuación da auditora de Iberdrola, Pricewaterhouse, para agochar os feitos, indicando que “malia non ser localizada nin pola unidade de cumprimento do Grupo Iberdrola nin por Pricewaterhouse, a execución destes traballos xerou unha gran cantidade de documentos e informes que foron intervidos no domicilio do investigado Rafael Redondo Rodríguez, vinculado ao Grupo Cenyt, xunto ao investigado José Manuel Villarejo”.