O presidente de Iberdrola comparece como imputado no 'caso Villarejo'

O xuíz, Manuel García-Castelló, sospeita que Sánchez Galán e os tres ex directivos investigados participaron desde os seus respectivos postos na contratación de Villarejo cando aínda era membro activo do Corpo Nacional de Policía.
Ignacio Sánchez Galán é o presidente executivo da empresa do sector enerxético Iberdrola. (Foto: María José López / Europa Press) #iberdrola #acusación #ignaciosánchezgalán #villarejo #suborno #falsedadedocumental
photo_camera Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, nunha imaxe de arquivo (Foto: María José López/Europa Press).

O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, comparece esta terza feira na Audiencia Nacional para declarar como imputado polos sucesivos encargos que durante anos efectuara presuntamente ao agora comisario xubilado José Manuel Villarejo, e terá que facelo acudindo fisicamente á sede xudicial, despois de que o xuíz instrutor rexeitase habilitar unha videoconferencia ante a repunta dos contaxios por Ómicron.

O titular do Xulgado Central de Instrución Número 6, Manuel García-Castelló, imputou Sánchez Galán en xuño por presuntos delitos de suborno activo, contra a intimidade e falsidade en documento mercantil, mais non foi até decembro, unha vez que a Sala do Penal resolveu unha serie de recursos pendentes, cando se puxo día e hora á súa comparecencia, fixada para as 10.30 horas do 18 de xaneiro.

Co comezo do ano, o presidente de Iberdrola solicitou ao maxistrado que lle permitise declarar por videoconferencia, alegando que coa nova variante do coronavirus hai unha "maior probabilidade de reinfeccións" e el pertence a un "grupo de risco", mais o xulgado resolveu a pasada sexta feira que non hai "motivos substanciais" para substituír a declaración presencial por unha "opción subsidiaria" como é a videoconferencia.

Rolda de declaracións

Nesta xornada tamén está citado o ex presidente de Iberdrola España Fernando Becker, mentres que o día 20 será a quenda de Iberdrola Renovables. Na segunda feira xa declararon o ex conselleiro e director xeral de Negocios Francisco Martínez Córcoles e o ex xefe de Gabinete de Presidencia Rafael Orbegozo, desvinculándose en ambos os casos das tarefas encomendadas a CENYT, o grupo empresarial de Villarejo, segundo fontes xurídicas.

Orbegozo recoñeceu que visou dúas facturas que as pescudas xudiciais atribuíron a CENYT, concretamente aos proxectos 'Gipsy' e 'Posy', de 2009, onde o entón policía investigaría o presidente de ACS, Florentino Pérez, e a súa contorna para evitar o asalto da construtora á eléctrica.

Interrogado a respecto diso, o que fora 'man dereita' de Sánchez Galán expuxo que ditas facturas lle chegaron asinadas desde o departamento correspondente e que el se limitou a dar un último visto e prace tras facer unha comprobación superficial que consistiría en verificar que o concepto das mesmas coincidía con cuestións axendadas.

Ante a insistencia dos interrogadores, Orbegozo asegurou que só tivo noticia de que Pérez pretendía facerse co control de Iberdrola pola prensa, o cal lle mereceu o reproche do xuíz, quen chamou a atención sobre o feito de que o xefe de Gabinete de Sánchez Galán só fose consciente destas manobras empresariais a través dos medios de comunicación.

Contratos e facturas

García-Castelló sospeita que Sánchez Galán e os tres ex directivos puideron participar desde os seus respectivos postos na contratación de CENYT cando Villarejo aínda era membro activo do Corpo Nacional de Policía, que se manipularon as facturas xeradas por eses servizos e que se tivo acceso a datos reservados das persoas investigadas.

De acordo co relato xudicial, o primeiro proxecto de Villarejo para Iberdrola sería 'Arrow', que tería como obxectivo eliminar a oposición municipal e dos ecoloxistas á construción dunha central en Arcos de la Frontera (Cádiz). Entre 2004 e 2005 desenvolveuse 'Black Board' ou 'B-B' para supostamente conseguir información comprometedora sobre Manuel Pizarro, presidente naqueles momentos de Endesa, o gran rival de Iberdrola no sector eléctrico.

Xa en 2009, a Villarejo encomendaríanselle 'Gipsy' e 'Posy'. O primeiro consistiría en investigar un directivo de Iberdrola, José María Álvarez, e un provedor, Francisco Julián Gutiérrez, ao sospeitar que puidese mediar o pago de comisións ilegais. Co segundo proxecto, as pescudas do comisario estendéronse á vinculación de Álvarez con Florentino Pérez.

Por último, en 2011, Villarejo dedicouse a 'Wind' para investigar á empresa suíza Eólica Dobrogea, ao seu accionista maioritario, Chrisopher Kaap, e ao seu apoderado, Corneliu Dica. Iberdrola Renovables aliouse coa compañía eólica para desenvolver unha serie de proxectos en Romanía, pero co tempo xurdiron conflitos que se acabaron resolvendo de forma favorable á mercantil española nun procedemento arbitral. No auto de imputación, o xuíz indicou que, pola contabilidade de Iberdrola, sábese que foron recibidas e abonadas quince facturas emitidas por CENYT entre 2004 e 2012 por un importe total de 1,04 millóns.

Esta peza separada 17, relativa a Iberdrola, é unha das máis de trinta que compoñen a macrocausa 'Tándem', onde se indaga nos moitos e variados negocios de Villarejo, que xa sentou no banco por mor de tres traballos —'Iron', ' Land' e 'Pintor'— polos que se enfronta a máis de cen anos de cárcere.

Comentarios