Orzamentos 2020

A Xunta volve aumentar a partida do ensino concertado aproximándoa aos 285 millóns

colexios educación ensino @xuntosPAPA
Ao longo desta lexislatura o Goberno de Núñez Feixoo aumentou a partida destinada á educación concertada, que na proposta de 2020 recibe 284.881.136 euros, 12,2% do total.

Desde 2017, coa revalidación do Goberno do Partido Popular nas urnas, a partida destinada aos concertos educativos medrou cada ano. Entón, a Xunta dirixida por Alberto Núñez Feixoo dedicou 260.174.596 euros aos concertos para os que o proxecto orzamentario de 2020, último previo ás eleccións galegas, reserva 284.881.136 euros, 12,2% do total. Na Galiza, a educación concertada engloba aproximadamente a 30% do alumnado.

As contas de Educación presentadas pola conselleira, Carmen Pomar, esta segunda feira no Parlamento son as segundas que menos medran en 2020. En total a Xunta de Galiza destina 2.447,6 millóns de euros a esta Consellaría, dos que o 89% empregaranse para cubrir as nóminas do persoal docente, non docente e investigador.

Durante a presentación dos orzamentos, Pomar sinalou que o aumento da partida destinada ao ensino concertado débese ao correspondente aumento retributivo das e dos docentes. O certo é que o documento que recolle as contas propostas para 2020 non describe o destino exacto de cada programa. As de maior contía están destinadas a Educación Infantil, que recibe 41,9 millóns, a Primaria e ESO, 206,5 millóns, a Formación Profesional, 19,9 millóns, e a Educación Especial, 15,12 millóns.

A Xunta tamén destina partidas para servizos e axudas complementarios no ensino concertado. Por exemplo, o montante destinado ao programa de axudas para incrementar o dominio das linguas estranxeiras no alumnado recibe este ano 500.000 euros, cando a contía en 2017 foi de 136.000. A maiores destínanse 16.000 euros para as bibliotecas escolares en centros concertados, o cuádruplo que en 2017.

Os orzamentos de Educación tamén revelan que a Xunta dedica nove veces máis a manter o profesorado de Relixión que á formación.

Críticas da oposición

Na presentación dos orzamentos, a oposición amosouse moi crítica aos recortes da Xunta de Galiza nas partidas educativas. O voceiro do PSdeG, Luis Álvarez, ironizou coa libre elección que defende a Xunta do ensino concertado, preguntándose pola “liberdade” das familias de municipios como A Fonsagrada, Vilalba ou Meira, “que non teñen a opción” de acudir a centros concentrados.

Luca Chao, do Grupo Común de Esquerda, sinalou o destino de 12 millóns máis aos concertos, toda vez que se “recorta en partidas clave no rural”. Chao incidiu en que os 294 millóns que separan os orzamentos de 2009 de 2020 “consolidan unha década de recortes”.

Olalla Rodil, do BNG, denunciou que o Goberno destine 12,2% das contas ao ensino concertado. Rodil tachou de “aberrante” que a Xunta defenda as subvencións a centros que segregan por sexos, pois “xustifica o inxustificable”, ao que Pomar contestou que “a liberdade de elección debe ser garantida”.

Paula Vázquez Verao, do Grupo Mixto, analizou como unha “anomalía” que en 2019 “sígase dependendo estruturalmente dos concertos”, cando “aumentan” os docentes no ensino privado á vez que se “reducen na pública”.