Cinco claves polas que os orzamentos de Educación inciden para a CIG na política de recortes de ensino publico

Diego Boquete e Suso Bermello, de CIG-Ensino

Redución dos cadros de persoal docente, incremento das partidas destinadas ao ensino concertado, escaso compromiso co ensino público. "O ensino privado ten reservado 12,26% dos orzamentos da Consellaría de Educación", afirman desde CIG ensino.

Para a CIG-Ensino, os orzamentos da Consellería de Educación para 2018 “retratan claramente” a política “privatizadora, elitista e centralista” do goberno de Núñez Feijoó a respecto do ensino público galego. Suso Bermello e Diego Boquete, secretario nacional e membro da Executiva de CIG-Ensino compareceron para debullar os orzamentos, e que se `pode resumir en seis puntos.

 

1) Os orzamentos para o ano 2018 inciden na perda de relevancia da Consellaría de Educación no marco dos orzamentos xerais da Xunta. Desde o ano 2001 só na etapa entre 2005 e 2009 se deu un incremento do peso específico da Consellaría.

Os orzamentos da Consellaría de Educación perden cada ano máis peso en relación aos da Xunta. “Representaban 27% do total en 2009 e agora só representan 22,2%, polo que perderon case 5 puntos que non se recuperan mesmo nunha fase lixeiramente expansiva nas contas da Xunta”. Desde o ano 2009 os diferentes orzamentos da Xunta deixan unha perda total de 1.936 millóns de euros.

 

2) Os orzamentos destinados ao Capítulo de Persoal (Capítulo I), que representan 59% do total da Consellaría están por debaixo do medre do gastos de persoal no conxunto da administración galega Dato que reafirma a política de restricións no ensino público.

“Revisando as distintas partidas orzamentarias só cabe concluír que non garanten un ensino de calidade e imposibilitan unha adecuada atención á diversidade e ás necesidades educativas especiais. Relegan o ensino público e ao tempo desprezan o profesorado, ao non se restituír ningún dos dereitos roubados: non se recuperan os postos de traballo suprimidos (máis de 3.000) nin se rescata o poder adquisitivo perdido”.

 

3) CIG-Ensino denuncia que a Consellaría impide o medre do persoal docente, “aplicando obedientemente o mandato do Ministerio de Facenda. Un incremento de persoal que a día de hoxe é unha das principais demandas do profesorado galego, sobrecargado en horas de docencia, con ratios elevados e un claro empeoramento das nosas condicións de traballo. Así, os orzamentos conxelan a cifra de persoal docente do exercicio pasado en 30.098.

Esta conxelación dos postos de traballo tampouco vai permitir que se corrixa a porcentaxe do profesorado que ten que impartir afíns e que a día de hoxe representa unha das principais queixas do profesorado.

 

4) Nos orzamentos de 2018 hai un incremento da partida para fomento da lingua galega de 800.000 euros. Cantidade que para a CIG non abonda para reverter unha situación de abandono das políticas de promoción e de defensa da nosa lingua que promoveu o PP desde a chegada de Feijóo á Xunta. “A cifra total destinada ao fomento da nosa lingua chega a 7.623.085 euros, o que implica que só 70 céntimos de cada 1000 euros cos que conta nos seus orzamentos a Xunta”. Os fondos destinados a este fin antes da chegada de Feijóo á Xunta eran 21,8 millóns de euros, tres veces máis.

 

5) Fronte ao medre de 3,21% dos orzamentos xerais da Consellaría de Educación, as subvencións ao ensino privado no seu conxunto (Capítulo IV) incrementáronse en 4,44%, chegando case aos 286 millóns de euros. A este respecto, CIG sinala que cabe incidir en que os concertos educativos, incluídos os centros que segregan alumnado por razón de xénero, pasan de 260 millóns de euros en 2017 a 269 millóns para o 2018. “Falamos, por tanto, de que o ensino privado ten reservado un 12,26% dos orzamentos da Consellaría de Educación, dos que a inmensa maioría (11,58%) son para o ensino privado concertado”.

“Desde que Feijóo goberna este país, as cantidades dos concertos educativos incrementáronse en 72,5%, con máis de 20 puntos de diferenza sobre o total da Consellaría de Educación, que se limitan ao 52%”.