Orzamentos de Educación para 2019: menos mestres, perda de poder adquisitivo e máis cartos para a privada

Imaxe: @xuntosPAPA

Os orzamentos da Consellaría de Educación para o 2019 non convencen a CIG-Ensino. O sindicato nacionalista considera que as contas levar implícita unha redución de persoal, o que racha a tendencia dos últimos exercicios, nos que se mantiña conxelada a cifra na partida de persoal, e retrotraéndonos a cifras anteriores ao ano 2015. Os orzamentos de 2019 consignan un total de 29.987 docentes fronte a 30.098 dos dous últimos anos.

 

Nas contas da Consellaría confírmase tamén para a CIG que o goberno galego non ten intención, “de negociar a recuperación das 18 horas lectivas en Secundaria e das 21 en primaria, xa que esta medida implicaría un incremento de postos de traballo”. Son arredor de 3.000 os efectivos perdidos desde 2010 no ensino público galego, apuntou Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino.

 

Na avaliación que fai a central sobre o proxecto de orzamentos da Consellaría tamén se destaca que Educación será o terceiro departamento da Xunta que menos medrará o ano que vén - 2,93% de incremento, moi por debaixo do aumento medio da Xunta: 7,80%-.

 

Aliás, o secretario nacional da CIG-Ensino, tamén manifestou que “cos últimos datos do IPC o profesorado galego rematará 2018, como nos últimos anos, perdendo poder adquisitivo. Non só non se recupera nada -puntualizou-, senón que a carestía da vida está por riba do que soben os nosos salarios”.

O sindicato continúa debullando os orzamentos da Consellería de Educación e critica que as partidas seguen sen recoller un dereito “recortado por Feixoo” coa “excusa da crise” e que lle permitía ao profesorado substituto que traballaba 5 meses e medio ao longo dun curso cobrara os meses de verán.

 

A normalización lingüística, segregada tras o último cambio de goberno da Consellaría de Educación, “frea o escaso crecemento que tivo no exercicio de 2018. Para o ano 2109 o incremento de fondos baixa a 5,98% (a metade do que subiu o ano anterior)”.

 

As subvencións e concertos co ensino privado soben

 

Por último, CIG tamén quixo poñer o foco no total de transferencias que se orzamentan para entidades privadas (inclúen os concertos e outras subvencións a entidades educativas privadas) e que medran 3,58%, o que implica unha suba superior ao 2,93% do crecemento total das contas da Consellaría. Mais esta suba é aínda superior no caso dos concertos educativos, situada en 3,92%, un punto porcentual por riba dos orzamentos da Consellaría.