A empresa recorre ante o TSXG

A Xunta veta 'Nós Diario' nas axudas á prensa

Na gráfica superior, as axudas concedidas aos medios en 2020; na inferior, os contratos menores subscritos no que vai de ano pola secretaría xeral de Medios (Infografía: Verónica Rivadulla).
O Goberno négase a incluír o xornal no reparto de axudas aos medios galegos co único argumento de que non é un diario "porque só se publica de terza feira a sábado", malia que a OXD define "diario" como "calquera publicación que se edita catro ou máis días por semana".

O Goberno galego exclúe Nós Diario do reparto de axudas económicas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2021. Para os xornais editados en papel destínase unha contía total de 1.255.000 euros.

As propias bases reguladoras do procedemento, en réxime de concorrencia non competitiva, sinalan que as entidades beneficiarias serán "as empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil [...], realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade da Galiza, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura".

Aliás, exíxese que a empresa teña un cadro medio de persoal en alta de, cando menos, cinco traballadores ou traballadoras, un requisito que deixa fóra das subvencións parte da prensa dixital e das principais cabeceiras en galego. Neste senso, cómpre salientar que a Xunta tamén obriga todos os xornais en papel a empregaren a lingua do país "como mínimo en 10% do total da súa información", e estas empresas comprométense a "manter ou incrementar progresivamente o uso do galego nas cabeceiras até o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria".

O pasado 15 de xuño, a secretaría xeral de Medios notificou á empresa Sermos Galiza SA, editora de Nós Diario, a denegación da súa solicitude "por non tratarse dun xornal impreso e distribuído diariamente", unha decisión que foi respondida coa presentación dun recurso de reposición. No seu escrito, Sermos Galiza SA salienta que as bases reguladoras "non conteñen definición auténtica ningunha do que aos seus efectos deba entenderse como xornal diario", malia que si menciona que as publicacións "deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD)".

Precisamente, a OXD, entidade de recoñecida solvencia que audita Nós Diario en papel e dixital, define como diario "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana". Dado que Nós Diario está nas rúas cinco días á semana —de terza feira a sábado—, si cumpriría con este requisito.

"Semella contraditorio que a secretaría xeral de Medios [...] recoñeza a autoridade da OXD para certificar a difusión da publicación Nós Diario [xa que toma como referencia estes datos para cuantificar a tiraxe do xornal], medio que esa entidade considera como diario, mais a descoñeza aos efectos de cualificar ou non como diario a citada publicación, máxime cando a amentada secretaría xeral non achega nin se remite a ningunha outra definición ou cualificación alternativa", sostén o recurso presentado por este medio.

Porén, a Xunta desestimouno o 27 de xullo defendendo que a función da OXD é "certificar a difusión, mais en ningún caso definir conceptos máis aló do estabelecido nas bases reguladoras". "Alegar que non se achega outra definición da palabra 'diario' parece descoñecer a existencia da propia semántica da palabra".

Mais, a respecto desta valoración, cómpre lembrar que ningún xornal se axusta na Galiza á semántica da palabra 'diario', xa que o 1 de xaneiro, o Sábado Santo e o 25 de decembro non se publica nin distribúe periódico ningún. E tamén resulta salientábel, por outra banda, que na convocatoria deste ano o Goberno galego avogase por non ter en conta no cálculo das subvencións que corresponden a cada medio "os datos de exemplares difundidos nos meses de marzo, abril, maio e xuño de 2020", cando, por mor do confinamento, as grandes cabeceiras do país perderon un significativo número de lectoras e lectores.

Ante a nova negativa da Xunta, Sermos Galiza SA vén de presentar ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo, que xa foi admitido a trámite.

Para o galego, as faragullas

A Xunta estabelece outra liña de axudas destinada a medios que publiquen todos os seus contidos integramente en galego, para o que destina arredor de 200.000 euros. Nós Diario recibirá este ano por esta vía unha subvención de 30.000 euros, o máximo ao que se pode aspirar na convocatoria. É o mesmo importe que xa recibía o semanario Sermos Galiza cando publicaba medio cento de números ao ano, e a cifra non varía malia tratarse agora, a través de Nós Diario, de 259 exemplares, pois estabelécese un tope.

Esta situación contrasta coa de Catalunya e Euskal Herria, cuxos respectivos gobernos, como xa informou este xornal, priorizan cadansúa lingua á hora de repartir as subvencións aos medios de comunicación. Por outra banda, a edición dixital nosdiario.gal percibirá 4.567 euros dun montante dirixido aos xornais en liña que supera os 455.000.

Contratos 'a dedo' para adxudicar a publicidade

A secretaría xeral de Medios, que depende directamente de Presidencia, diríxea desde 2013 María del Mar Sánchez Sierra, unha das persoas de confianza de Alberto Núñez Feixoo, a quen acompañou no departamento de prensa desde 1996 nos diferentes cargos que asumiu da Administración estatal e da Xunta.

O seu departamento adxudicou no que vai de ano contratos menores —adxudicados directamente sen un réxime de concorrencia competitiva— por valor de case 180.000 euros en accións publicitarias nunha serie de medios entre os que non se atopa Nós Diario, mais si medios estatais como os xornais ABC ou Libertad Digital.

Os grupos máis beneficiados por esta vía son Voz de Galicia, con 26,5% dos ingresos por publicidade con contratos menores; Prensa Ibérica, con 20,7%; Grupo El Progreso, con 14,5%, e Grupo La Región, con 10,5%. A maiores, o Grupo El Progreso recibiu en 2021 outros 10.336 euros para, a través da Axencia Galega de Noticias, dar "cobertura audiovisual aos actos da Xunta".

Así as cousas, entre xaneiro e decembro deste ano a secretaría xeral de Medios subscribiu senllos contratos baseados en acordos marco con dez axencias de publicidade e comunicación por valor de 10,2 millóns de euros, a fin de que estas empresas distribúan como consideren conveniente as campañas promocionais do Goberno galego nos diferentes medios de comunicación.

Mais, como xa adiantou na quinta feira Nós Diario, existe unha terceira vía de financiamento dos medios de forma arbitraria: os convenios de colaboración que subscriben as diferentes consellarías con determinados xornais, radios e televisións. Deste modo pódese esquivar o artigo da Lei 9/2007 de subvencións públicas, impulsada polo Goberno bipartito, que prohibe conceder axudas sen convocatorias públicas. Así, en 2017 a Xunta repartiu máis de 18 millóns de euros entre os citados convenios, os contratos menores e as axudas directas á prensa.