Social

Educación ve "abandono de funcións" no Goberno español por non definir os criterios de promoción e titulación

Estudantes nun aula (Europa Press).
A Consellaría de Educación di que aplicará as directrices do Ministerio aínda que manifesta as súas discrepancias e solicita que se defina como vai ser avaliado o alumnado para a promoción ao seguinte curso. 

A Xunta considera que o Goberno central cae no "abandono de funcións" nas súas competencias exclusivas ao non definir os criterios de promoción e titulación para o alumnado na orde ministerial para a finalización do curso académico 2019/90. Para o Executivo galego, esta situación provocará "desigualdades" entre o alumnado dos diferentes territorios, "especialmente" naqueles que realicen as probas de acceso á universidade.

Nun documento remitido esta quinta feira ao Ministerio de Educación, o departamento que encabeza a conselleira Carmen Pomar di que aplicará as directrices ministeriais, aínda que enumera unha serie de discrepancias que insta á carteira que dirixe Isabel Celáa a ter en conta para a súa inclusión na orde final.

E é que, para a Consellaría de Educación, o Goberno estatal cae no "abandono de funcións" por non definir a forma na que, especialmente na ESO e o Bacharelato, o alumnado será avaliado para a súa promoción ao seguinte curso ou a obtención do título.

Desta maneira, Educación asegura que a carencia de criterios unificados "provocará desigualdades entre o alumnado dos diferentes territorios", especialmente entre aqueles que realicen as probas de acceso á universidade este ano.

Por tanto, o departamento que encabeza Pomar incide na necesidade de que o Ministerio de Educación concrete na súa orde o número de materias suspensas coas que é posíbel promocionar ou recibir a titulación.

Así mesmo, a consellaría cre que nos cursos de final de etapa as medidas de recuperación estabelecidas para o arranque do curso 2020/21 "non son necesariamente de aplicación" o que provocará unha diminución na "calidade" do ensino recibido polo alumnado titulado.

Formación Profesional

No apartado de Formación Profesional, a Xunta ve "unha contradición entre os previsto e o que se tramitou" para a Formación en Centros de Traballo (FCT), é dicir, as prácticas coas que o alumnado termina o ciclo.

Ademais, tamén considera que existen "cuestións técnicas ambiguas" no referente os ensinos artísticos e deportivos, ademais de detectar que "se omite calquera tipo de referencia aos ensinos de idiomas e de adultos".

Tamén considera que as medidas arbitradas polo Goberno para un posíbel reforzo educativo en xullo "esixen a habilitación dos créditos oportunos do Ministerio a través do Fondo de Cooperación Territorial (sen estar vinculadas á xestión do Fondo Social Europeo)" para así "atender a eventual demanda das familias", o que deixa en mans das comunidades "arbitrar as eventuais medidas con ese financiamento".

En canto á aposta por incrementar a posta a disposición de recursos tecnolóxicos, o Goberno galego ve "insuficientes" as achegas "enviadas até o momento" polo que reclama unha "dotación específica" para os diferentes territorios que dea cobertura á compra de equipos tecnolóxicos para iniciar o próximo curso.

Críticas da CIG á Xunta

Pola súa banda, a CIG mostrou a súa preocupación polas consecuencias da situación actual ante o final de curso e a preparación dos seguintes, aínda que expresa o seu apoio a algunhas das medidas acordadas pola conferencia sectorial, como a promoción e titulación con carácter xeral do alumnado, o papel do profesorado nos casos excepcionais sobre a promoción de curso ou converter a terceira avaliación nun período de reforzo e recuperación dos contidos dados durante o curso que agora se dá por concluído.

No entanto, nun comunicado difundido esta quinta feira, o sindicato cre que "parches temporais e organizativos como a actividade en xullo ou os contratos-programa non son a solución", á vez que empraza á Consellaría de Educación a reorientar os fondos destinados programas de reforzo a "ampliar os cadros de persoal fixo para reducir cocientes e mellorar a atención ao alumnado".

A CIG critica á Consellaría de Educación, á que acusa de "preferir que Madrid goberne no seu lugar", e empraza ao departamento que dirixe Carmen Pomar a que "faga o seu traballo e introduza as modificacións legais oportunas para dar cobertura aos cambios transitorios que necesitan os centros galegos neste final de curso e no próximo".