Social

CIG Ensino comparte a decisión de promocionar o alumnado este curso e pide ao Goberno un amparo legal

Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino
O secretario nacional da CIG Ensino, Suso Bermello, salienta que "o que baixo ningún concepto se pode producir é que a suspensión das clases presenciais, é dicir, o efecto coronavirus, poda incidir o máis mínimo na promoción".

A CIG Ensino comparte a consideración do Ministerio de Educación a que hai que tender, con carácter xeral, á promoción do alumnado neste curso debido á crise provocada pola expansión do coronavirus e á imposibilidade de retomar as aulas presenciais. 

O seu secretario nacional, Suso Bermello, apunta dous erros nunha primeira valoración do resultado da reunión entre a ministra de Educación e os responsábeis territoriais neste materia. "O primeiro é na política comunicativa. Creo que o ámbito educativo nesta situación necesita a maior claridade posíbel. Se o Ministerio pretendía non modificar transitoriamente toda a normativa que existe a respecto da promoción do alumnado o normal era que nolo tiveran dito xa hai dúas semanas, dá a sensación de que nos podíamos ter aforrado todo este suspense", sinala, para engadir que, polo que transcendeu, semella que "a reunión non valeu para nada". 

En segundo lugar, Bermello di que "desde a perspectiva legal" si considera que o Ministerio debería facer esa "modificación transitoria". "Non nos caracterizamos por defender que o Estado interveña nas competencias, pero o certo é que todo o que ten que ver coa promoción do alumnado colga directamente dunha lei orgánica e dun real decreto", explica. "O normal sería que houbera unha norma de carácter transitorio ditada polo Goberno para dar cobertura legal as decisións que tomen os territorios", engade. 

Neste sentido, Suso Bermello refírese á propia xestión da Consellaría de Educación "que dá a sensación de que non tiña feitos os deberes" e "estaba moito máis acostumada a traducir do BOE do español ao galego que a facer unha normativa propia". "Creo que se encontran agora mesmo, segundo as palabras de Feixoo este mediodía, en que en 48 horas van aprobar unha normativa que non está preparada; moito nos tememos que estivesen agardando a que lle quitasen as castañas do lume desde Madrid", di. 

O fondo da cuestión está no paso ao curso seguinte do alumnado, e aí a CIG lembra que o Estado español é o que ten un índice máis elevado de repetición na Unión Europea. "Hai dous rasgos moi evidenciados na nosa cultura educativa: temos uns temarios que son inasumíbeis e ainda así mantémolos, e abusamos da repetición", manifesta Bermello.

"O que baixo ningún concepto se pode producir é que a suspensión das clases presenciais, é dicir, o efecto coronavirus, poda incidir o máis mínimo na promoción. Desde ese punto de vista entendemos que a promoción ten que ter un carácter xeral e que exclusivamente se podería non promocionar a unha alumna se o equipo docente interpreta que pola evolución previa pode ser perxudicial", salienta. 

Un curso excepcional

Desta maneira, Suso Bermello xa advirte de que o curso que vén será tamén "excepcional" porque haberá que "reacomodar todo o currículo", sobre todo nos catro cursos da ESO e no Bacharelato. Un "reto" para as docentes que se levará a cabo co problema engadido da "escasez de profesorado" nos centros galegos. 

O que si vai mudar nesta terceira avaliación marcada pola excepcionalidade da situación é que a "avaliación continua" pou unha vez "ten que ser real". "En Secundaria é un problema grande, mais en Primaria está moi asumido e forma parte da súa propia cultura", abunda Bermello. "Tes que facer unha valoración do teu alumno nunha situación excepcional, é dicir, pensando que non podes penalizar a que non está conectado, con independencia do motivo, e ter en conta a evolución durante o curso pero tamén en toda a etapa educativa", describe. 

A respecto das probas de acceso á universidade, Bermello apunta a que será unha selectividade "con moita máis opcionalidade" na escolla de temas a desenvolver e conta con que o Ministerio si publique directrices sobre como levar a cabo estes exames nos vindeiros días. "Hai pendente outra reunión co Ministerio de Educación e mais o de Universidades", lembra, para apuntar que no caso do alumnado de segundo de Bacharelato é especialmente grave o feito de non ter acceso ás materias que se facilitaron neste mes de confinamento porque fica "gravemente perxudicado"