Un informe do Sergas advertiu a pasada fin de semana dunha posíbel transmisión comunitaria

A Xunta sabía xa desde hai días que o brote da Mariña estaba fóra de control

Control da Garda Civil na Mariña, fechada por coronavirus. Foro de Carlos Castro (Europa Press)
Malia a aparencia de control que se traslada desde a Xunta, un informe do Sergas da pasada fin de semana xa fala dunha posíbel transmisión comunitaria do coronavirus na Mariña e recoñece o fracaso das medidas aplicadas para o control do brote na comarca.

O pasado día 3, o Sergas reuníase por primeira vez cos alcaldes  e a alcaldesa de Viveiro, Foz, Burela, Xove, Ribadeo e Cervo para coordinar as medidas de prevención de contaxios na comarca e pedir a colaboración dos concellos para a contención do foco de coronavirus que nesa xornada sumaba 59 positivos e que unha semana despois case triplica os contaxios, con 144 persoas infectadas

Nesa xuntanza telemática, na que participou, entre outros responsábeis do Servizo Galego de Saúde, o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, transmitiuse que "os brotes estaban controlados", segundo confirmaba a rexedora de Viveiro, María Loureiro, unha afirmación que xa se viña repetindo nas xornadas previas. 

Porén, un informe asinado 24 horas máis tarde da xuntanza por ese mesmo cargo do Sergas recoñece que "as medidas dispostas para controlar a transmisión [do brote da Mariña] fracasaron ou non foron suficientes para impedir que a infección se difundise até acabar cun nivel difícil de manexar con medidas de base individual".

O documento, que sustenta o confinamento de 14 dos 15 concellos da comarca mariñá que a Xunta ordenou na madrugada do domingo e durante unicamente cinco días, sinala tamén que, a esa altura, con 99 persoas afectadas, "non se pode descartar unha posíbel transmisión comunitaria de baixa intensidade allea ao brote, debida aos casos que aínda non se puideron relacionar con el".

O extracto deste documento recóllese nun auto do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo emitido onte que ratifica, a petición da Consellaría de Sanidade, as medidas de "prevención" adoptadas pola Xunta para controlar o brote, que segundo os últimos datos do Sergas sumaba onte 23 novos contaxios e mantén cinco persoas hospitalizadas nesa comarca, das sete que permanecen ingresadas na Galiza por Covid-19.

Nel, o subdirector xeral de Información sobre Saúde recomenda, perante as dificultades para conter o foco, "valorar medidas de restrición de movementos fóra da área de risco e entre concellos da área, para non incentivar os desprazamentos a outras zonas sen restricións que poidan levar a infección, facilitando unha expansión do virus". "En definitiva, para evitar que a infección siga progresando nos concellos afectados e se expanda fóra deles", manifesta.

Fechamento "selectivo"

O informe era trasladado o pasado día 6 ao xulgado, que avala o fechamento acordado pola Xunta visto o "alto nivel de contaxio" e o "reducido lapso temporal" no que se contabilizaron os casos positivos, mais pola "rapidez da propagación que de por si ten a enfermidade". No seu auto, a maxistrada considera "prudente" o confinamento da comarca, "sen facer exclusión dalgún municipio no que o virus tivera aínda pouca incidencia, porque é lóxico pensar, ao ser estes contiguos territorialmente, que se produza un intenso tránsito ou intercambio entre eles" e advirte das dificultades que suporía, na práctica, a execución das medidas de contención e mesmo o control do "transvase circulatorio".

Tan só un día máis tarde, a pasada terza, o presidente da Xunta e candidato do PP á reelección nos comicios convocados para este domingo, Alberto Núñez Feixoo, formulaba a posibilidade de "abrir parte da Mariña" e camiñar cara a un fechamento "máis selectivo" das áreas máis afectadas, após unha reunión co comité clínico experto na que se  analizou a tendencia "favorábel" na evolución dos casos, malia que o número de positivos non deixou de medrar nas últimas dúas semanas. Nesa comparecencia, Feixoo manifestaba que o brote "non reviste gravidade".

Coordinación dos efectivos de seguridade 

A solicitude que a Consellaría de Sanidade remitiu esta semana ao xulgado de Lugo para avalar as decisións aplicadas na Mariña facía unha segunda petición, para reclamar da Xustiza que ordenase ás forzas e corpos de seguridade a que presten auxilio preventivo, e, no seu caso, coercitivo, de forma proporcional, para facer efectiva a execución das medidas de control das restricións, desde as limitacións de mobilidade á prohibición de eventos con máis de dez persoas e o mantemento da demora na reapertura de locais de ocio nocturno e discoteca.

A maxistrada que asina o auto denega a solicitude co argumento de que ao xulgado "non lle corresponde entrometerse" nun labor de coordinación que é "administrativo e non xudicial", e empraza as distintas Administracións a "colaborar ou coordinarse" para acometer a orde da Xunta e garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía.