Brote na Mariña

Iago Villamil, médico: "Os profesionais de Primaria da Mariña teñen datos de positivos que non cadran cos do Sergas"

Iago Villamil, médico no Hospital da Costa, na Mariña.

"O Sergas non deu ningunha instrución a respecto do brote na Mariña". Así o asegura Iago Villamil, médico no Hospital da Costa (Burela), que nesta conversa destapa a falta de material que padece a Atención Primaria na comarca, onde non hai nin termómetros infravermellos nin equipos de protección individual acaídos, e que advirte de que os datos de casos positivos fornecidos de maneira oficial pola Xunta da Galiza "están descabalgados".

 

 

Cal é a situación que vive o persoal da sanidade pública na Mariña?

Para comezar, faltan protocolos e algúns dos que hai non poden cumprirse, pois montan uns enriba doutros e algúns son contraditorios. Un deles recomenda adaptar a prolongación do illamento en función da procedencia das persoas, para os galegos e galegas, 14 días, e para os de fóra, 10 días. En xeral, as e os profesionais percibimos que falta información e iso xera moito desconcerto.

O Sergas non lles informa debidamente?

Na unidade en que traballo, en toda a pandemia non se puxeron en contacto con nós desde a Dirección do Hospital da Costa. Nunca nos preguntaron se había algún problema ou carencia nin se había que reforzar algún asunto. De feito, entregamos varios escritos para denunciar as carencias que sufrimos e nin sequera contestaron. Agora acontece algo parecido. Non existe comunicación. Tampouco a respecto deste rebrote, e a Atención Primaria está absolutamente abandonada.

Como afecta ao seu traballo o desmantelamento das áreas sanitarias?

O xerente do HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) di ser xerente da área sanitaria da Mariña, mais o que fai é telexestión. Decide a distancia. Nin sequera había ningún responsábel de Atención Primaria, non existía a figura de coordinador, senón un director de procesos asistenciais sen ingresos. Así o chamaban. Amputaron a dirección de Atención Primaria para reconvertela niso, que incluía tamén as urxencias. Agora, o director de Primaria, que si o é nominalmente, non se puxo en contacto cos centros de saúde para nos preguntar se precisabamos algo.

Falábame de protocolos. Cal é o último que recibiron?

O que di que hai que volver funcionar con normalidade, porque, efectivamente, hai patoloxías pendentes de seguimento, hai máis que a Covid-19.

Está dicindo que tras o brote rexistrado na Mariña os e as profesionais da sanidade pública non recibiron ningún protocolo específico?

Non hai ningunha instrución nese sentido. Existen os protocolos anteriores, que, como che dicía, en ocasións son difíciles de cumprir. Por exemplo, o relativo aos circuítos Covid e non Covid é complicado de desenvolver nos centros de saúde, porque carecen de espazos, non dispoñen das medidas de desinfección requiridas... atender dúas ou tres persoas con sospeita de Covid-19 implicaría deixar bloqueada esa sala durante practicamente toda a mañá.

Outros protocolos indican que hai que ter un dispensador de máscaras nas entradas dos centros de saúde. Isto desde o inicio da pandemia. E non hai. Como tampouco se dispón do famoso termómetro sen contacto. Non existe. O material de protección que empregan na Atención Primaria son mandís como os que se usan para cociñar. É máis, colócanse un por diante e outro por detrás para tratar de resolver a falta de efectividade, pois non teñen a mesma garantía que as batas que se empregan nos hospitais. Non hai elementos de protección ocultar suficientes. Os que hai cómpre desinfectalos e reutilizalos. Todo isto ten a súa importancia se temos en conta que o 15% das persoas infectadas coa Covid-19 foron profesionais da sanidade.

Máscaras e luvas hai?

A nivel hospitalario faltaban días atrás luvas, mais máscaras si que hai. Non houbo ao principio da pandemia. Sempre nos dicían que chegarían ao día seguinte e mesmo nos acusaban os profesionais de acapararmos ese material. O máis importante de todo é que os que dirixen o Sergas, os xestores, non entran en contacto cos profesionais, non reciben feedback ningún nin nos deixan opinar. Non nos dan esa oportunidade porque non hai xuntanzas nin comunicacións. Coa Mariña confinada, non temos ningunha instrución da Xerencia de Atención Primaria que nos diga se hai que priorizar casos, se hai que mudar circuítos, se hai que agardar... É lamentábel. Pode parecer imposíbel, mais é certo.

O Sergas actúa na Mariña como se non existise brote ningún?

Supostamente estamos xa na normalidade. Deuna por certa o Serga. Existía unha axenda para os facultativos que durante a época máis dura da pandemia estaba limitada. Despois abriuse e actualmente segue aberta, como se nada pasase. Fannos crer que o brote é algo puntual, sen importancia. Hai un problema de comunicación moi grande e os profesionais somos interlocutores dos usuarios. Somos os que temos que dar a cara.

Como é o seguimento aos contactos de casos positivos por Covid-19?

No Ianus, que é o programa que empregamos os médicos, habilitaron varias pestanas: unha delas con pacientes positivos, outra con pacientes con resultados non concluíntes e outra con pacientes que tiveron contacto con alguén positivo. Esta última pestana non está habilitada e os profesionais non podemos seguir eses pacientes. Supostamente, os contactos de casos positivos están levándoos os rastrexadores, mais moitas veces remítenos á Atención Primaria e é cando os pacientes acoden á Atención Primaria para saber se lle poden facer a proba, cando lla van facer, etc, pois os rastrexadores non saben dicirlles cando lle van facer a PCR nin lle deron máis datos. E despois chega o momento do resultado da proba, e ben non hai datos ou ben a páxina está colgada. O que quero transmitir con isto é que os profesionais somos quen damos a cara e quen damos as respostas aos pacientes, e carecemos da información suficiente. Falta información, falta coordinación, falta interese en que os profesionais teñamos material suficiente e esteamos o suficientemente protexidos. É, cando menos, grave.

Moi grave, tendo en conta que o estado de alarma foi decretado o 13 de marzo. Semella que houbo tempo para arranxar as eivas e deficiencias do sistema sanitario.

Exacto. Pasan catro meses e non hai reacción, non hai preparación. Moitos pensamos que o Sergas cre as súas propias mentiras e que está convencido de que o feito de que o coronavirus apenas circulase non foi unha cuestión de sorte, de que á Galiza chegase máis tarde, senón resultado dunha xestión marabillosa. Cando cres as túas propias mentiras, non pos nada en marcha. Agora confían en que as cousas vaian ser iguais, en que o brote non pase de brote, cando iso é máis que discutíbel. Nin en Madrid se fixo todo tan mal nin aquí houbo boa xestión.

Cre que pode tratarse xa de transmisión intracomunitaria e non dun brote?

É, como digo, cando menos discutíbel. Non sei se se trata dalgo máis. Pode estar circulando o virus e non ser algo puntual. O Goberno de Feixoo trata de acoutar moito o asunto, de falar de brote, mais non teño claro que sexa así. Se for un brote, por que non fecharon antes A Mariña? E por que a fechan só 5 días cando noutros lugares o confinamento é de 14 a 30 días? Parece todo moi dubidoso. A Xunta tivo que desmentir o comentario desafortunado de Feixoo culpando uns rapaces de contaxiarse nuns bares e iso non está nada claro. Nesta enfermidade poucas cousas están claras, sobre todo, a respecto do mecanismo de expansión. Dadas estas incertezas, deberiamos ser máis prudentes, máis colaborativos e estar máis abertos ás opinións dos e das profesionais. Onte o Goberno galego falaba de que o brote da Mariña dera unha tregua, insinuábase que podía ser o inicio da fin, mais cos datos de hoxe vemos que dicir iso era imprudente. Ao igual que é imprudente facer dos concellos autoridade sanitaria sen que dispoñan de información axeitada.

Dise que os casos positivos son, en realidade, máis dos que transmite de maneira oficial a Consellaría de Sanidade e que as persoas confinadas nas casas pasan das mil.

Os datos claramente están descabalgados. Cremos que hai máis positivos dos que a Xunta está a transmitir e esta é a sensación que impera na Atención Primaria da Mariña. As e os profesionais de Primaria teñen datos que non cadran coas cifras do Sergas. De feito, imos convocar para mañá unha rolda de prensa na que denunciaremos isto.

Como médico, cre que se dan as condicións sanitarias para realizar as votacións o domingo?

Eu creo que a decisión de non realizarse eventos multitudinarios foi por garantir a saúde. Se agora sabemos que A Mariña está fechada por cinco días e que non poden xuntarse máis de dez persoas para evitar o contaxio, parece raro que se poida garantir a seguridade nunha concentración de xente como a que provocan unhas eleccións. Non é doado que entre membros da mesa e votantes non se superen as 10 ou 15 persoas nalgún momento. Si, pódense facer fileiras enormes, coa xente separada dous metros, mais non parece razoábel. O normal sería adiar as eleccións e non facelas nestas circunstancias.

Decidiron fechar A Mariña, mais non Madrid, malia ser o centrifugador do coronavirus ao resto do Estado. Que lle parece?

Penso que nalgún momento deberon adoptar algunha decisión máis contundente a respecto do principal foco. Non fechar algún foco no seu momento non foi a mellor decisión, porque o fechamento podería ter mellorado o número de persoas contaxiadas.

Existen camas UCI suficientes no hospital de Burela?

Neste momento, si, mais o asunto está en controlar a progresión. O que non hai é suficiente persoal, máxime tendo en conta o período vacacional das e dos profesionais e de que a poboación na Mariña se incrementa coa chegada de turistas.

Vostede traballa en Hospitalización a Domicilio (HADO). Cal é a situación nesta área?

Pertencemos ao hospital de Burela e actuamos como alternativa á hospitalización. No mes de xullo non substitúen un facultativo nin un diplomado en Enfermaría todo o mes. Até hoxe a directriz era non ingresar pacientes HADO, mais debido ao agravamento das patoloxías dalgún dos pacientes houbo que facelo. Hoxe tiveron que reforzar o servizo, substituíndo o médico e a enfermeira que estaban de vacacións, mais é algo puntual. Reforzan o servizo hoxe e creo que na sexta feira, máis nada.