A Xunta reduce a 28% a área de eucalipto ao non contar as plantacións mixtas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González, onte en Santiago de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
O Ministerio cifra en 51% a superficie arborada de Eucalyptus sp. na Galiza

A Xunta da Galiza deu a coñecer esta sexta feira en Compostela os primeiros resultados do Inventario Forestal Continuo, unha ferramenta que a Consellaría do Medio Rural cualifica de "pioneira" e coa que busca o "control e a planificación do monte galego" destinado á explotación madeireira. Segundo os datos facilitados esta sexta feira polo presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, os eucaliptos supoñen 28% da superficie arborada galega, isto é, 409.000 hectáreas dun total que case alcanza o millón e medio de hectáreas. Rueda detallou tamén as porcentaxes correspondentes a "frondosas" –42,5% ou 619.561 hectáreas– e a coníferas –29% ou 422.344 hectáreas–, mentres outras especies non clasificadas ocupan as 6,401 hectáreas restantes (0,5%). 

Segundo o presidente galego, esta ferramenta permitirá ter un "cálculo preciso" da superficie que ocupan as especies forestais, sobre a facilidade ou dificultade para a súa "dispoñibilidade industrial" e tamén outros datos como as pendentes dos montes, información sobre como chegar   a eles, as distancias ás pistas e a fragmentación das parcelas. 

Non obstante, os datos facilitados esta sexta feira pola Xunta da Galiza partir do Inventario Forestal Continuo contrastan con aqueles achegados polo Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN 4), desenvolvido de maneira periódica polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco). Segundo o IFN, 51% da superficie total arborada da Galiza corresponde con eucaliptais, isto é 23% menos que a área sinalada pola Xunta da Galiza. Concretamente, o Miteco especifica que 31% corresponde a eucaliptais puros e 20%, a eucaliptais en mestura con piñeiros e carballos.   

Como se entende, entón, este baile de cifras entre Medio Rural e o Ministerio? Pois precisamente a cifra da Consellaría aproxímase á de eucaliptais puros que dá o Ministerio e estaría a obviar a porcentaxe restante (20%) correspondente con eucaliptais en mistura con outras árbores. Tampouco a superficie total arborada de Rueda coincide co Miteco: 1.324.446 fronte a 1.450.950 hectáreas. 

Por outra parte, e quizais máis significativo, a Xunta cifra en 42,5% a superficie forestal ocupada por frondosas, obviando que este termo, xa en desuso na clasificación botánica, equivalente ás Anxiospermas, fai referencia a todas as especies vexetais con flor. Isto é, carballos, castiñeiros, nogueiras, chopos e, si, tamén eucaliptos, son especies frondosas. 

136.000 ha de eucaliptos non se poden aproveitar

Na presentación dos números recollidos polo Inventario Forestal Continuo impulsado pola Consellaría de Medio Rural, o profesor da Universidade de Vigo (UVigo) Juan Picos fixou a atención sobre o feito de que arredor dun terzo da superficie que ocupan os eucaliptos na Galiza non contan co que especialistas denominan un "aproveitamento favorábel"

Isto é, unhas 136.000 hectáreas ocupadas por eucaliptos das 409.000 que a Xunta censou no país non son aproveitábeis en termos industriais. Picos sinalou que este feito podería deberse a diferentes factores como atoparse dentro de espazos da Rede Natura, ter difícil acceso ou estar en parcelas de monte de tamaño demasiado pequeno.

"Utilidade contra os incendios" sen medidas adicionais

Na presentación do Inventario Forestal Continuo, o conselleiro do Medio Rural, José González, fixo fincapé na "utilidade" que este inventario terá "na loita contra os incendios forestais, ao "permitir calcular o combustíbel no monte e así a potencial virulencia nun lume". Sinalou que o Goberno galego "poderá aproveitar" esta ferramenta tamén en labores de extinción, "ao cruzar os seus datos con outros como o vento nun momento dado". Porén, nun momento no que os incendios son cada vez máis temperáns, virulentos e desestacionais, a Xunta da Galiza aínda non propuxo máis medidas que un Plan de prevención e defensa contra os incendios da Galiza (Pladiga) que deixa en mans dos Concellos os labores de prevención e de control do mato ao longo do ano.