Residencia 'Mi Casa'

A Xunta admite problemas estruturais e na alimentación na residencia expedientada de Pazos de Borbén

O centro de maiores que a Xunta vén de expedientar. (Foto: Residencia 'Mi Casa')
A dirección do centro afirma ser "vítima" dunha serie de informacións "carentes de veracidade" e que non existe "maltrato ou abandono ningún".

A subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Xunta da Galiza vén de responder por escrito ás queixas presentadas pola asociación Vellez Digna sobre as deficiencias na residencia de maiores 'Mi Casa', en Pazos de Borbén.

No documento, asinado pola xefa do servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia [Berta Besada] e ao que tivo acceso Nós Diario, o organismo dependente do Goberno galego recoñece que na inspección realizada ao centro quedaron constatados "incumprimentos en relación co persoal de enfermaría e persoal de cociña.

Por esta cuestión instou a dirección de 'Mi Casa' a "subsanar de forma inmediata" esta cuestión e posteriormente acreditalo ante Inspección. Moitas das deficiencias das que advertía a denuncia de Vellez Digna, afirma a Xunta no escrito, "xa foron emendadas".

No que atinxe ao "incumprimento das condicións estruturais do edificio", sinala que o edificio recibiu o permiso de inicio de actividades antes da entrada en vigor do actual Código Técnico da Edificación, que equipara as residencias de maiores ás instalacións hospitalarias.

Porén, aínda existindo as deficiencias denunciadas, sinala que "non é posíbel aplicar unha norma a feitos anteriores á súa promulgación", o que se traduce, sostén, "na imposibilidade de modificar as consecuencias xurídicas dos actos xa formalizados".

Garantías de salubridade

Por outra parte, Inspección afirma que requiriu ao centro manter "un estado de limpeza e salubridade óptimo" e lembroulle a obriga de que os menús das persoas usuarias sexan supervisados por persoal técnico especialista en dietética e nutrición e servilos, aliás, "en perfecto estado de conservación", así como en "horarios razoábeis".

Úlceras

No relativo ás úlceras, as autoridades solicitaron á residencia que remita a Inspección un "informe diario" sobre as curas realizadas, "así como da súa evolución".

A residencia négao

Pola súa parte, a dirección do centro asegurou esta sexta feira que non existe "tipo ningún de maltrato ou abandono", e asegura ser "vítima" dunha serie de informacións "carentes de veracidade", logo de que familiares de residentes denunciasen os feitos.

"A maioría das fotografías publicadas non se corresponden cos nosos residentes, cuxas patoloxías son obxecto de tratamento constante por parte do noso servizo de enfermaría e por parte da nosa médica, que ostenta vínculo laboral, o que garante asistencia médica aos nosos 58 usuarios", reivindicou a dirección.

Tamén traballadores dos sectores de limpeza e auxiliares do centro afirmaron a través dun comunicado que todos os e as usuarias están "en correctas condicións".