Residencia 'Mi Casa'

A Xunta abre expediente á residencia de Pazos de Borbén acusada de malos tratos

Comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)
Após as informacións de Nós Diario nos últimos días sobre os presuntos malos tratos denunciados na residencia Mi Casa e sobre as conexións políticas da empresa que xestiona o centro, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou, a preguntas deste xornal, que a Xunta vén de abrir expediente á residencia.

"Vin as imaxes e a verdade é que non me gustaron nada". Así respondeu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a unha pregunta de Nós Diario sobre a denuncia das Traballadoras das Residencias da Galiza e a asociación Vellez Digna polas condicións asistenciais da residencia Mi Casa, en Pazos de Borbén.

Neste sentido, Rueda anunciou que o Goberno galego "falou con Inspección e abriu un expediente que se está a tramitar", para discernir o ocorrido no centro de maiores, do que nos últimos días se fixeron públicas tanto imaxes do mal estado de saúde no que se atopan moitas das persoas residentes como do mal estado das instalacións, tanto habitacións como espazos nos gardar material sanitario ou alimenticio.

O novo presidente galego sinalou que "non se pode pensar que a inmensa maioría das residencias non cumpren as condicións, si o fan".

"Non imos tolerar que nin unha soa residencia se salte as normas", sentenciou Alfonso Rueda.

Falta de medios humanos

A falla de medios humanos para atender as persoas usuarias está no centro das queixas de Trega e Vellez Digna. Así, a primeira das entidades, nun escrito remitido ao servizo de Inspección da Consellaría de Política Social o pasado 3 de maio, sinala que “no centro de traballo non se cumpren as ratios de atención directa en ningunha das quendas. As traballadoras con contratos de limpadoras realizan funcións de auxiliares de enfermaría/xerocultora, figurando o seu nome nas carteleiras de auxiliares/ xerocultoras, e á vez asumen funcións de enfermaría”.

A ausencia de persoal sanitario cualificado é un dos aspectos que máis preocupa aos colectivos denunciantes. Nesta liña, no seu escrito diante de Política Social, Vellez Digna destaca que “non hai enfermeira na empresa, realizando as funcións unha enfermeira externa que traballa no Sergas e non cobre as 24 horas diarias, como sería o legalmente estabelecido, senón tan só, entre 20 minutos e unha hora, dúas ou ás veces tres días á semana”. Na mesma dirección, asegura que “non hai fisioterapeuta, aínda que se cobra polos seus servizos” e “non hai  médico, unicamente vén unha médica externa catro  horas á semana”.

Atención sanitaria

As consecuencias da falla de medios déixase notar na atención prestada. A este respecto, Vellez Digna critica que “a moitos residentes, con frecuencia, inféctanselles as  úlceras, escaras e demais feridas e os problemas de pel convértense en graves, por falta de hixiene, coidados e curas”.

Na mesma liña, denuncia que “hai unha alta incidencia de infeccións de ouriños. Dado que só se fan tres cambios de cueiros ao día, á mañá, medio día e noite, os usuarios pasan a maior parte do día mollados ou con feces". "A limpeza da zona ano-xenital realízase cos propios cueiros, xa que non se facilitan esponxas suficientes, e coas mesmas luvas para todos”, engade.

As entidades denunciantes advirten das condicións hixiénicas da residencia. Neste sentido, o presidente de Vellez Digna, Xosé Bernárdez, apunta a Nós Diario que “no centro hai moita falla de hixiene, tanto en relación cos residentes como nas propias instalacións”. Nesa dirección, lamenta que “na fin de semana non funciona o servizo de limpeza, porque unha das persoas encargadas deste servizo debe encargarase de cociñar”.

As denuncias presentadas por Trega e Vellez Digna relatan que se usa "a mesma coitela para afeitar a todos os usuarios baróns da residencia e debe durar varios días, excepto a un señor con hepatite". Ao tempo, denuncian que “hai somieres rotos e outros calzados con tacos de madeira, mesas podrecidas, andeis en mal estado, colchóns, coxíns e almofadas rotos”. As queixas reparan, tamén, na comida. Apuntan que “os alimentos son de escasa calidade”. “A alimentación baséase en pan, sopa, pasta, ovos, patacas, arroces e precociñados, os residentes da primeira quenda de comida, raramente comen froita, os iogures e xelatinas sempre están contados”, conclúe a denuncia.

Consellaría de Política Social recoñece “carencias” na residencia. En resposta a Nós Diario, sinala que “os servizos de Inspección da Consellería de Política Social realizaron unha visita á residencia Mi Casa de Pazos de Borbén hai dúas semanas, no marco da actividade ordinaria deste servizo. Durante a inspección detectáronse varias carencias que xa foron notificadas ao centro, que se atopa dentro do prazo legalmente estabelecido para subsanalas”.

Lucía Pedroso

Mi Casa é unha vella coñecida de Inspección da Consellaría. En 2017, saltou á esfera pública que durante a visita dunha inspectora ao centro agocharon cinco residentes no interior da lavandería para que os funcionarios non detectasen a presenza de máis usuarios que os legalmente autorizados.

A residencia Mi Casa é propiedade de Rapesua S.L e a súa xestión corresponde a Gerpesa Social. A súa directora é Lucía Pedroso Suárez, unha antiga presidenta da Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra, moi ligada ao asociacionismo patronal e vogal da Cámara de Comercio de Pontevedra.Os responsábeis do centro, consultados por Nós Diario declinaron realizar declaracións sobre as denuncias presentadas por Trega e Vellez Digna.