Residencia 'Mi Casa'

O horror continúa en Pazos de Borbén

Perda dun usuario da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén. (Foto: Vellez Digna)

A Xunta da Galiza vén de abrir un expediente a residencia Mi Casa de Pazos de Borbén. O anuncio chega 16 días despois de que Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) presentase unha denuncia no rexistro do Goberno galego onde daba conta da situación asistencial dos usuarios do centro de maiores.

Alfonso Rueda deu conta na rolda de prensa posterior ao Consella da Xunta desta quinta feira da apertura dun expediente á residencia 'Mi Casa'. O xefe do Executivo galego anunciou, en resposta a unha pregunta de Nós Diario, que a "Xunta falou con inspección e abriu un expediente e estase tramitando". Precisamente, os escritos de Trega e Vellez Digna ían dirixidos aos servizos de inspección da Consellaría de Política Social así como aos responsábeis da Consellaría de Sanidade. Neste sentido, fontes dos colectivo lamentan a tardanza do Goberno galego en “dar resposta nunha situación límite”.

Alfonso Rueda

O mandatario galego recoñeceu que “vin as imaxes [en relación coas fotos sobre o estado dos maiores na residencia] e a verdade é que non me gustaron nada”. Nesa mesma dirección, afirmou que “non imos tolerar que nin unha soa residencia se salte as normas”, se ben matizou, que “non podemos pensar que a inmensa maioría das residencia non cumpren as condicións, porque si o fan”. As palabras de Rueda sitúanse na liña do avanzado nestes días pasados polo Consellaría de Política Social, que asumiu a existencia de “carencias” no centro de maiores de Pazos de Borbén.

As entidades denunciantes critican a falla de dilixencia na actuación da Xunta da Galiza. Así, a presidente de Trega, Sonia Jalda, sinala a Nós Diario que “non se pode consentir que haxa que agardar 16 días e que a nova saia nos medios de comunicación para que a Xunta anuncie un expediente”. “Ás 48 horas de que presentaramos a primeira denuncia  xa estivo alí un inspector da Xunta e en todos estes días pasaron polo centro inspectores das consellarías de Política Social e de Sanidade, pero non se fixo nada”, afirma Jalda.

“Non cambiou absolutamente nada”

“Non cambiou absolutamente nada”, sinala Jalda, quen apunta que “malia os máis de 15 días transcorridos os residentes continúan igual, sufrindo as consecuencias desta falla de atención, e outras vez máis as vítimas son os máis vulnerábeis e os nosos maiores os máis prexudicados”. “Non podemos estar agardando  máis tempo”, asevera Jalda, quen denuncia que “os maiores entran na residencia Mi Casa camiñando e ás tres semanas non son quen de pórse en pé”.

Jalda denuncia a falla de medios do centro para atender aos residentes. A este respecto, crítica que “a enfermeira do centro segue sen aparecer, a penúltima visita realizouna o domingo día 8 de maio e só estivo 1 hora no centro e a última o día 12 de maio estando alí a inspección”. “Falséanse os rexistros de enfermería, se non vén traballar como é posíbel que estean cubertos os rexistros”, asegura a dirixente de Trega.

A presidenta de Trega advirte que “os residentes están pasando fame”. Así, critica “unha mala alimentación e tamén unha comida moi escasa. Tanto é así, que os traballadores do centros marchan desfeitos para a casa cando os maiores lle piden de comer e non teñen para darlle pola actitude da dirección do centro”.

Precisamente, os traballadores foron protagonistas esta quinta feira no xeriátrico de Pazos de Borbén, ao presentarse no mesmo a inspección de traballo.

As condicións laborais

A CIG é unha das organizacións que leva tempo denunciando as condicións laborais na residencia 'Mi Casa' e no grupo de empresas de Lucía Pedroso. A este respecto, o membro da executiva da federación de servizos da CIG de Vigo, Pedro Pérez, indica a Nós Diario que “o persoal desenvolve o seu traballo nunhas condicións moi precarias. Estanse valendo da necesidade da xente para non cumprir os convenios”.

CIG

“Por exemplo, Pedrosa y Rojas, empresa da que é copropietaria Lucía Pedroso e que traballa no ámbito da axudar do fogar debíalle meses de salario as súas empregadas de Silleda e Pazos de Borben”, significa Pérez.

A residencia 'Mi Casa' é unha vella coñecida dos servizos de inspección da Consellería de Política Social. Á volta de 2017, saltou á esfera pública tras denunciar a CIG que durante a visita dunha inspectora ao centro agocharon a cinco residentes no interior da lavandería para que os funcionarios da Xunta da Galiza non detectaran a presenza de máis usuarios no xeriátrico que os legalmente autorizados”.

Malia estes antecedentes, o Goberno galego mantivo os concertos con estes centro de maiores, até o punto que 22 prazas desta residencia están financiadas na súa integridade pola administración galega.

O silencio de Lucía Pedroso

A copropietaria da residencia 'Mi Casa' de Pazos, Lucía Pedroso, garda silencio sobre os graves feitos acontecidos nun dos seus centros de maiores. Pedroso leva días negándose a atender aos medios e tamén ás familias dos usuarios. Porén, o problema continúa sobre todos para os seus residentes.