A Xunta publica un protocolo de servizos asistenciais en residencias tras intervir dúas privadas

residencia maiores San Lázaro Compostela está xestionada por DomusVi (Foto Arxina).
O DOG recolle medidas que xa se estaban a aplicar, como o traslado do persoal. Entre elas, o protocolo tamén ditamina que as necesidades asistenciais dos centros cubriranse, preferentemente, con empregadas públicas adscritas á Consellaría de Política Social.

Onte reuniuse o Centro de Coordinación Operativa artellado pola Xunta da Galiza durante o estado de alarma e a crise sanitaria e hoxe o Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle algunhas das medidas aprobadas. Entre elas, o protocolo de actuación de servizos asistenciais en centros residencias.

Na Galiza, 22.400 maiores son usuarias dunha residencia, e nos últimos días detectáronse brotes da COVID-19 en centros de toda Galiza, con máis de 400 casos confirmados. Sindicatos e familiares veñen alertando da situación das residencias de maiores ou persoas dependentes, con persoal insuficiente ou sen os equipos de protección necesarios. Hai tres días as asociacións de familias e usuarias de residencias presentaron unha denuncia perante a Fiscalía.

O certo é que algunhas das disposicións acordadas no protocolo xa estaban a aplicarse, como o traslado do persoal destes centros en función das necesidades de emerxencia, xa se estaban aplicar. O 26 de marzo a Xunta puxo en marcha dúas residencias “integradas”, unha en Compostela e outra en Baños de Molgas, para acoller residentes que desen positivo por coronavirus. A medida veu acompañada do traslado de persoal para o seu coidado, así como o seu aloxamento en instalacións contiguas.

Traballadoras públicas

Segundo fixa o protocolo, durante a duración do estado de alarma ou emerxencia sanitaria a Consellaría de Política Social poderá impor servizos extraordinarios a persoal sanitario e non sanitario público vinculado a residencias de maiores e outros centros sociosanitarios. Así mesmo, poderanse solicitar funcións distintas das correspondentes ao seu posto de traballo. Desta medida fican excluídas as traballadoras embarazadas.

Para cubrir as necesidades dos centros, a Xunta fixa que se seguiranse os seguintes criterios de preferencia, sempre que sexa posíbel: ofrecemento voluntario do persoal, proximidade xeográfica do posto das empregadas afectadas, menor idade ou menores cargas familiares. As traballadoras contactadas pertencerán, preferentemente, aos centros asistencias cuxa actividade foi suspendida, como é o caso dos centros de día.

As empregadas recibirán unha compensación pola posíbel diferenza salarial entre o posto de traballo habitual e as novas funcións requiridas e Política Social abonará as horas extra realizadas. Ademais, terán dereito a complementos en materia de penosidade, perigosidade, toxicidade ou especial dedicación. As traballadoras teñen dereito a un descanso de 10 horas entre xornada e xornada e, ao longo dunha semana, a suma dos seus descansos non será inferior ás 70 horas.

En caso de que o persoal adscrito a Consellaría de Política Social non bastase para cubrir as necesidades asistenciais, poderase dispor de traballadoras doutras Consellarías coas titulacións acaídas. Se, de novo, esta posibilidade non abondase, recorrerase a listas de contratación, ao Servizo de Emprego ou a “outro procedemento extraordinario”. Neste caso, o protocolo non aclara cal.

No Centro de Baños de Molgas, segundo informou a Central Intersindical Galega, a Xunta da Galiza convocou a estudantes do último curso de Enfermaría, persoal do sector privado e mais traballadoras adscritas ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente de Política Social.

Persoal da rede privada

Do mesmo xeito, o protocolo  tamén ao persoal sanitario e non sanitario empregado en centros residenciais ou sociosanitarios do ámbito privado. Política Social matiza que se lles solicitarán servizos extraordinarios cando nos centros de titularidade pública non sexa posíbel cubrilos con traballadoras do eido público.

Antes de realizar unha encomenda ao persoal da rede privada Política Social prevé unha audiencia previa doDOs responsábeis do estabelecemento. Tanto o centro como as traballadoras afectadas terán dereito á compensación económica correspondente.