Social

Profesionais de residencias piden a Feixoo "sentido común" e non desprazar maiores con coronavirus

(Arxina)
A Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes reclama que "é nas propias residencias onde deben ser atendidos todos os usuarios infectados pola COVID-19 que non precisen hospitalización".

Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes (ASSP), na que se integran a Federación de Usuarios e Familiares das Residencias (REDE), as Traballadoras das Residencias de Galicia (TREGA), e o Movemento en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), pide "sentido común" e "renunciar" á creación "duns hipotéticos centros intermedios ou residencias integradas" nas que atender a maiores con coronavirus nunha "carta aberta" ao presidente da Xunta, ao conselleiro de Sanidade e á conselleira de Política Social. 

Así, reclaman que "é nas propias residencias onde deben ser atendidos todos os usuarios infectados pola COVID-19 que non precisen hospitalización, así como os seus contactos próximos que tamén estean ingresados". 

Desta maneira, solicitan que a Consellaría de Sanidade poña "xa" a disposición do persoal das residencias "o material de protección (máscaras de protección, produtos de base alcohólica para hixiene de mans, luvas, gafas, batas...) que é imprescindíbel para poder atender ás persoas usuarias cun mínimo de seguridade" para minimizar a posibilidade de resultar infectado polo coronavirus. E salientan que a Administración "debe garantir que as traballadoras" que van usar ese equipos de protección individual (EPI) teñen "a formación adecuada para facelo correctamente". 

Na súa misiva lembran que "as residencias son centros socio-sanitarios, moi caros por certo"; para a continuación salientar que "é totalmente inadmisíbel que agora pretendan reivindicar que son só 'centros sociais', nos que non é posíbel atender a pacientes que teñen infeccións por coronavirus que non precisan hospitalización". 

Pasar a responsabilidade á sanidade pública

Neste sentido, critican a proposta inicial da Xunta de trasladar ás persoas maiores usuarias dunha residencia de anciáns que desen positivo en coronavirus ás residencias "integradas" de Baños de Molgas (93 prazas) e Porta do Camiño en Compostela (84 prazas) por carecer de "sentido común". 

"A proposta contaba co apoio explícito do sector máis importante da patronal das residencias privadas, agrupados en AESTE-CEOE pois, se ía adiante, conseguían desfacerse das súas responsabilidades e trasladarlle o problema á sanidade pública (incluídos probabelmente tamén os custes asociados)", denuncian desde a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes.

"A proposta tamén contaba co apoio de algúns profesionais sanitarios que traballan nas residencias, e que estaban asustados diante dun problema que, sen apoio externo, é difícil de abordar nas condicións de enorme precariedade de recursos, humanos e tamén materiais, existente nas residencias desde moito antes da actual crise do coronavirus", engaden. 

Porén, sinalan que ese plan do Executivo de Alberto Núñez Feixoo era "pouco realista na estimación da magnitude do problema, como se demostra no feito de que dous días despois de que se fixera pública, xa hai mais usuarios (211) de residencias positivos ao coronavirus que prazas previstas para esa función (93+84=177)". "E todos os datos apuntan a que vai haber un incremento de casos nas residencias nos próximos días", aseveran.

Test de coronavirus ao persoal

Asemade, instan á Consellaría de Sanidade a que considere "prioritaria a realización de test diagnósticos de coronavirus ao persoal asistencial das residencias que presente un cadro clínico de infección respiratoria de calquera gravidade". Ademais, contan con que "tamén se debe considerar prioritario, a realización dos tests a todas as usuarias e usuarios das residencias nas que se identifiquen casos de coronavirus". 

Por outro lado, apuntan que a Consellaría de Sanidade "debe comprobar que en todas as residencias existen as zonas de illamento para as persoas usuarias que estean infectadas por COVID-19", de acordo co estabelecido polo Ministerio de Sanidade. 

Esta Alianza constituíuse "para defender uns servizos sociais (residencias, servizos de atención no fogar, servizos de día...) de calidade, diversificados, en numero suficiente, de proximidade e ao alcance de todos, e plenamente públicos, dirixidos aos maiores e os dependentes".