Desacougo entre familiares das residentes debido a falta de información

Residencia de Barreiro, en Vigo (DomusVi).
A Xunta da Galiza anunciou onte a intervención de dous centros de maiores que sumaban 189 positivos por coronavirus entre persoal e traballadoras. As residencias privadas, xestionadas por DomusVi, serán reconvertidas en centros "integrados" para maiores contaxiados pola enfermidade, unha decisión rexeitada por familiares e traballadoras dos centros

Na xornada de onte, a Xunta da Galiza tomou a decisión de intervir as dúas residencias privadas xestionadas por DomusVi en Barreiro, no concello de Vigo, e Cangas que, segundo os datos da Consellaría de Política Social, sumaban 71 usuarios e 11 traballadoras positivas por coronavirus cando pechou esta edición, a primeira, e 105 usuarias e 2 traballadores doentes da COVID-19, a segunda. En total, 189 persoas afectadas.

O 23 de marzo unha orde ministerial publicada no Boletín Oficial do Estado abriu a porta á intervención dos Gobernos territoriais na xestión das residencias. Tanto a Federación Galega de Familiares e Usuarios de Residencias, REDE, como os grupos da oposición urxiron desde entón ao Goberno galego aplicar esta posibilidade. Paralelamente, desde os primeiros casos detectados os días 19 e 20 de marzo, un en Caldas de Reis e cinco en Compostela, a cifra de contaxiadas alcanzou as 430 persoas, sumando os novos casos de residentes e traballadoras.

Así, os centros de Vigo e Cangas serán destinados a acoller e tratar maiores positivos en coronaviurs destas e doutras residencias da Galiza. Ademais, desde Política Social informan a este medio que os centros son tutelados desde a pasada terza feira polas súas respectivas áreas sanitarias. "Estamos en contacto continuo cos seus responsábeis", afirman.

Rexeitamento da medida

Porén, as integrantes da Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes instan a Xunta a mudar de solución, rexeitando a proposta de reconverter as residencias de Cangas e Vigo en centros "integrados". As súas integrantes, REDE, o Movemento Galego para a Defensa das Pensións Públicas e a plataforma Traballadoras das Residencias Galegas aseguran que esta vía exime a patronal "das súas responsabilidades", trasladando esta problemática "á sanidade pública".

O colectivo cualifica a proposta de "pouco realista". Apuntan que nos seis días despois de que a Xunta puxese en marcha as dúas primeiras residencias "integradas" en Compostela, con 84 prazas, e Baños de Molgas, con 93, a capacidade de ambas viuse superada polo número de contaxios activos. "É nas propias residencias onde deben ser atendidos todos os usuarios infectados que non precisen hospitalización", defenden.

Desacougo nas familias

O 28 de marzo, REDE cursou unha denuncia perante a Fiscalía pola "situación neglixente e de abandono" dos centros. Paralelamente, a preocupación medra entre as familiares das residentes.

A nai de Henry Laso ten 89 anos e hai tres ingresou na residencia de DomusVi no Barreiro. Onte, Laso presentouse ás portas do centro despois de que transcorresen 8 días sen poder contactala por teléfono. Ela é unha das diagnosticadas coa COVID-19. Antes da intervención da Xunta, Laso asegura que a directiva o convidou a retirala do centro. "Onde podo levala? Coa súa idade, coas súas patoloxías e medicación?", pregunta.

A tía de Javier Quián está ingresada noutro dos centros de DomusVi en San Lázaro, Compostela. "Desde o sábado miña tía permanece illada", declara a Nós Diario. Ese mesmo día recibiu unha chamada do médico da residencia, na que lle explicou que lle realizarían a proba da COVID-19. "Hoxe contactoume de novo e díxome que xa non", censura Quián.

A tía de María Cabarcos é unha das residentes do centro de San Carlos en Celanova. Doente da COVID-19, a ela non a trasladaron á residencia integrada de Baños de Molgas como a outras compañeiras. "Estou máis tranquila así, sei que as familiares só tiveron información das trasladadas o primeiro día", di.

Para axudar as familiares neste transo, REDE solicitou o apoio do Colexio Profesional de Psicoloxía da Galiza. Tamén para o persoal, "que incansabelmente está a dar o mellor".