A Xunta non solicitou ao CES ditame da Lei do litoral

Núñez Feixoo saúda Agustín Hernández tras nomealo presidente do CES en 2019. (Foto:Europa Press)

As relacións entre a Xunta da Galiza e o Consello Económico e Social (CES) non viven os seus mellores momentos. O Goberno galego prescindiu de solicitar ao organismo o ditame preceptivo sobre o proxecto de Lei de Ordenación e Xestión Integral do Litoral da Galiza. A decisión do Executivo de Rueda incumpre o fixado na propia lexislación de creación do CES.

O pasado 5 de xuño, o presidente do CES, Agustín Hernández, remitiu un escrito ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, onde denuncia que “o Consello da Xunta da Galiza aprobou o proxecto de Lei de Ordenación e Xestión Integral do Litoral da Galiza e procedeu á súa remisión ao Parlamento da Galiza obviando solicitar o perceptivo ditame do Consello Económica e Social(CES Galiza)”.

A misiva asinada por Agustín Hernández, conselleiro con Alberto Núñez Feixoo e candidato do PP á Alcaldía de Compostela nas eleccións de 2015 e 2019, explica que “tendo coñecemento da devandita circunstancia, a totalidade das organizacións, entidades e asociacións que compoñen o CES Galiza amosan a súa desconformidade coa decisión adoptada polo Goberno galego que priva este organismo da oportunidade de ditaminar un texto legal que ten como principal obxectivo “acadar o pleno equilibrio entre a protección da natureza e a continuidade da actividade económica que se desenvolve de forma sostíbel nesa parte do territorio”.

O texto, ao que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, remata afirmando que “o CES Galiza manifesta o seu malestar pola decisión adoptada, na medida en que impide ao Consello Económico e Social exercer a súa función de servir de canle de diálogo e deliberación dos axentes económicos e sociais na confección da normativa legal do ámbito autonómico”.

A queixa remitida por Hernández a Rueda e a Vázquez está avalada, entre outras entidades, pola Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), as tres organizacións sindicais máis representativas, CIG, CCOO e UXT ou a Universidade de Vigo. Todos estes colectivos coinciden en que a Xunta está incumprindo o disposto na Lei 6/95 de creación do CES, que estabelece con carácter preceptivo os seus ditames en toda a normativa da Xunta “en materias de especial transcendencia económico-social”.

A ausencia de ditame do CES na documentación do proxecto lexislativo foi advertido pola propia Asesoría Xurídica Xeral da Xunta da Galiza. Precisamente, en resposta a esta, a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Medio Ambiente informou negativamente sobre a necesidade do ditame, malia que o Consello da Xunta delimitou en 1999 como “materia socioeconómica” entre outras a “agricultura e pesca, educación e cultura, saúde, consumo, medio ambiente, transporte e comunicación, industria e enerxía, vivenda e mercado único europeo”.

As fontes do CES consultadas por este medio confirman o malestar coa Xunta da Galiza por prescindir do seu informe. Asemade, destacan que isto ten acontecido con outros proxectos lexislativos en anteriores ocasións e culpan o Goberno galego de tentar amordazar o CES e de impedirlle cumprir as funcións fixadas por lei.