A Xunta insiste en que o TSXG fai unha "mala interpretación" da normativa para suspender parques eólicos
A Xunta insistiu en acusar o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de facer "unha mala interpretación" das normativas para decretar suspensións cautaleras do desenvolvemento de parques eólicos.
Así o recolle unha comunicación da Administración galega após o encontro mantido esta segunda feira pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, con representantes do grupo Engie.
Nela, a conselleira subliñou a necesidade de, ao seu xuízo, "desbloquear" a situación xudicial do desenvolvemento do sector eólico, que acumula ducias de parques paralizados por orde do TSXG mentres se espera pola postura da xustiza europea.
Neste sentido, a Xunta lembra que "xa se presentou como parte interesada" perante o Tribunal de Xustiza da UE en defensa da lei estatal de avaliación ambiental e, por outra parte, solicitou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica "a rectificación do visor que considera 100% do territorio galego como sensíbel á implantación de proxectos eólicos".
Nesa liña, Ángeles Vázquez explicou "que a función desa zonificación é meramente orientadora, mais o TSXG está a facer unha mala interpretación e utilízaa como argumento para suspender a autorización ambiental outorgada pola Administración autonómica".

