87% das comarcas galegas son produtoras de enerxía eólica
Galiza é a comunidade do Estado coa maior densidade eólica, con 0,13 MW/Km2.
A primeira tecnoloxía de xeración eléctrica da Galiza en potencia instalada é a eólica. 125 municipios galegos acollen no seu territorio 189 parques eólicos que suman unha potencia total de 3.907 megawatts (MW).
A produción eléctrica de orixe eólico situouse en 2024 en 8.854.526 megawatts hora (MWh), representando nese exercicio o 38,2% do total da electricidade xerada na Galiza, só por detrás da hidráulica que sumou 10.065.727 MWh
Só sete comarcas carecen destas instalacións —Baixo Miño, Compostela, Terra de Lemos, Valdeorras, Quiroga, Viana e O Morrazo—, porén, en todas elas, agás no Morrazo, proxéctanse iniciativas neste ámbito.
Terra Chá
As comarcas con maior intensidade eólica da Galiza emprázanse na área da serra do Xistral. Á cabeza delas, sitúase a Terra Chá con 823 aeoxedores operativos dos 4.018 en funcionamento na Galiza e unha potencia instalada de 770,6 MW, que representan o 24,8% do total do país.
A continuación da Terra Chá en potencia instalada aparece A Mariña, onde destacan en produción os concellos de Ourol, con 156 aeroxeradores e 169,8 MW, e O Valadouro, con 120 aeroxeradores e 114,6 MW.
Muras é o primeiro concello galego en xeración eólico. Neste municipio da Terra Chá emprázanse 381 aeroxeradores, cunha potencia instalada de 264,4 MW, que supera á de comunidades como Cantabria, Estremadura, Euskadi, Madrid ou Murcia.
Tras Muras, sitúase outro concello chairego, Abadín, cunha potencia instalada de 183,3 MW e 200 aeroxeradores en funcionamento, e Ourol (comarca da Mariña), que dispón de 156 aoroxeradores cunha potencia instalada de 169,8 MW
Densidade eólica
Segundo se recolle no informe O sector enerxético galego: Presente e futuro, elaborado por un equipo coordinado polo profesor da Universidade da Coruña (UDC), Fernando de Llano e promovido polo Consello Económico e Social (CES), Galiza está á cabeza do Estado español en densidade eólica
O relatorio sinala que “de analizar o emprego do territorio da enerxía eólica mediante un indicador de densidade de potencia instalada atópase que Galiza é a comunidade autónoma co indicador máis alto cunha densidade de 0,13 MW/Km2, en segundo lugar sitúase Nafarroa con 0,125 MW/Km2. Madrid destaca polo valor nulo desta indicador, sinónimo de non ter ningún MW instalado por Km2”.