A Xunta insiste en que o certificado Covid "non precisa dun aval xurídico"

Cartaces en diferentes idiomas advertindo da obrigatoriedade do certificado, nun local da rúa do Franco de Compostela (Foto: Arxina).
Núñez Feixoo insiste en que non precisa de autorización xudicial para aplicar esta norma, mentres a oposición exixe dirimir responsabilidades por este "grave desprezo á legalidade".

A Xunta vén de presentar ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a solicitude de autorización xudicial para poder exixir o certificado Covid para acceder aos locais hostaleiros nos municipios con niveis máximo e alto de incidencia, así como no lecer nocturno nos chanzos medio e medio-baixo —os únicos nos que a súa actividade está permitida—.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, defendeu nesta sexta feira esta medida por "varias" razóns: "Primeiro, porque a maioría de países europeos está a facelo; segundo, porque máis de 70% da poboación galega ten a pauta completa da vacina, e terceiro, porque nos parece a forma máis segura para axudar á hostalaría a traballar sen limitacións, e tamén para permitir o consumo en estabelecementos de localidades con incidencias altas".

Dixo, fronte ás duras críticas do sector, que sería "moito peor" un fechamento obrigatorio da hostalaría nos concellos do nivel máximo.

Cómpre lembrar que esta norma foi tombada polo alto tribunal na quinta feira, alegando que "carece de vixencia porque non foi autorizada xudicialmente", xa que a Xunta só lle remitira para a súa aprobación a orde do 21 de xullo do Diario Oficial da Galiza (DOG), e non a do día 22, que contiña este requirimento. "Este anómalo proceder por parte do Goberno induciu a confusión", indicaron os maxistrados.

Núñez Feixoo afirmou que o seu Executivo vai "respectar" os autos emitidos polo TSXG, mais volveu insistir en que a Xunta vía avalada a medida pola lexislación galega —en referencia á polémica Lei de Saúde aprobada este ano unicamente co voto favorábel do PP—, polo que entendía que non precisaba dunha autorización xudicial previa.

A oposición pide "asumir responsabilidades"

Dado que non fora ratificada pola Xustiza, esta medida estivo en vigor durante tres semanas de forma ilegal, e os prexuízos causados á hostalaría, tal e como apunta a Nós Diario o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, poderán ser reclamados polos profesionais do sector: "A Xunta debe responder por todos os negocios. Non será doado cuantificar a responsabilidade patrimonial e os danos, mais tampouco imposíbel".

O viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, afirmou nesta sexta feira que "alguén debe asumir responsabilidades" no seo do Goberno galego, após "cometer unha grave ilegalidade durante os últimos 20 días", un feito que, destacou, "implicaría o cesamento fulminante da persoa responsábel nunha empresa privada".

"É a primeira vez que un Tribunal Superior ten que explicar a un goberno como facer o seu traballo. O señor Feixoo demostra un grave desprezo pola legalidade e debería asumir as consecuencias deste erro como máximo responsábel da Xunta", engadiu, ao tempo que lamentou os "tics autoritarios" do mandatario galego.

Pola súa banda, o BNG anunciou que convocará a Deputación Permanente do Parlamento galego para reclamar a comparecencia do presidente "de maneira urxente", a fin de exixirlle as explicacións pertinentes sobre o que a portavoz nacionalista, Ana Pontón, definiu como "chapuza".

"A Xunta non pode causar máis estragos que o propio virus", concretou o deputado do Bloque Ramón Fernández, para quen o Goberno galego "continúa instalado na máis indignante improvisación".

Exixen a dimisión do xerente da área sanitaria de Pontevedra

Noutra orde, a delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza demandou nesta sexta feira a dimisión do xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, e de toda a súa directiva, "ante o elevado nivel de incompetencia demostrado e a nefasta xestión no momento máis crítico da pandemia".

Aliás, censurou que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "se aliñase co alcalde de Sanxenxo no canto de defender o persoal do centro de saúde de Baltar, que depende del".