O Goberno galego xa presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a solicitude de autorización xudicial para poder esixir o certificado Covid para acceder a locais de hostalaría nos municipios con nivel alto e máximo de restricións, así como no lecer nocturno nos niveis medio e baixo.
A Consellaría de Sanidade ratificou o traslado da petición ao alto tribunal un día despois de que este tombase a validez da obriga de presentar o certificado Covid dado que a Xunta non solicitara o aval e, polo tanto, non gozaba de autorización xudicial.
Ao respecto, o presidente Alberto Núñez Feixoo, defendeu esta sexta feira, en declaracións a Telecinco, que o seu Executivo "vai respectar" os autos emitidos polo TSXG, mais reafirmouse en que a Xunta vía avalada a medida pola lexislación galega sen necesidade de recorrer previamente á Xustiza.
As razóns de Feixoo
De feito, o presidente galego asegurou que no escrito que a Xunta presenta agora ante a Xustiza "acreditarase" que a 'lei de pandemias galega', en referencia á reforma da lei de saúde autonómica, "lexitima" á Administración para estabelecer a esixencia do certificado Covid sen necesidade de autorización xudicial previa.
Parécenos a forma máis segura de axudar á hostalaría a traballar sen limitacións
Así, reivindicou a medida adoptada pola Xunta. "Isto facémolo por varias razóns: primeiro porque a maioría de países europeos están a facelo; segundo, porque máis de 70% da poboación galega ten a pauta vacinal completa; e terceiro, porque nos parece a forma máis segura para axudar á hostalaría a traballar sen limitacións e para consumir en locais de localidades con incidencias altas", manifestou.
A sala do tribunal encargada de analizar a solicitude da Xunta espera o informe da Fiscalía para iniciar a deliberación e pronunciarse canto antes sobre esta medida restritiva de dereitos fundamentais.