Opinión

Un “horror” grandísimo

O Tribunal Superior de Galicia (TSXG) ven de declarar non vixentes as restricións que obrigaban ás persoas usuarias a acreditar o seu vacinamento, padecemento da Covid-19 nos últimos 180 días ou certificación PCR ou de antíxenos negativa, homologada pola UE, para acceder ao lecer nocturno e máis ao interior dos negocios de hostalería nos concellos sinalados de risco alto ou máximo.

A decisión do TSXG alicérzase na falla da súa  autorización previa, consonte coa Lei Orgánica 3/1986 e da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En troques o Goberno galego si pediu e obtivo do TSXG a autorización coetánea para limitar as xuntanzas de non convivintes na franxa nocturna e para limitar os grupos máximos  de non convivintes en exteriores e interiores dos negocios da hostalería.

O problema é que faltou a autorización previa do TSXG porque a Xunta non lla pediu, como si fixo coa restrición das xuntanzas dos non convivintes por considerar que restrinxían dereitos fundamentais en xeral, de persoas non doentes nin vencelladas íntimamente a éstas.

O “horror” da Consellaría de Sanidade e da Vicepresidencia 1ª e Consellaría da Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta  (porque a Asesoría Xurídica Xeral pertence a este Departamento) é superior, moito máis en comparanza coa  dilixencia amosada  para pedir e obter a autorización xudicial a respecto da limitación numérica e temporal das xuntanzas de persoas non convivintes da Orde da Consellaría de Sanidade de 21.07.2021. E a magnitude deste erro obríganos a matinar aqueladamente sobre a tendencia da Administración Sanitaria galega (canda outras) para restrinxir dereitos fundamentais sen coidado do procedemento, das garantías cidadás e dos requisitos de axeitamento ao caso, de eficiencia e de proporcionalidade.

     Porque Galicia e a UE non son-polo de agora- países ou territorios sometidos aos diktat autoritarios ou totalitarios da China, Arabía Saudita, Emiratos Árabes Unidos ou o Irán. E restrinxir os dereitos fundamentais para acadar as mellores medidas sanitarias non se pode facer trapalleiramente, senón con respecto aos procedementos, garantías e contidos da lexislación internacional e interna de dereitos humanos.

Esta trapallada non ten xustificación nin desculpa ningunha.

Comentarios