Alegría e estupor ante a "chapuza" da Xunta coa norma do certificado Covid

O TSXG invalidou nesta quinta feira a exixencia do certificado Covid na hostalaría porque o Goberno galego non o solicitara (Foto: Úrsula Prego).
A oposición carga contra o Goberno galego e exixe a comparecencia de Feixoo no Parlamento, mentres o sector hostaleiro celebra a decisión mais teme un posíbel fechamento.

Non tardaron en chegar as primeiras reaccións ante a suspensión por parte do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) da norma que obriga a presentar un certificado Covid para acceder a locais hostaleiros e de lecer nocturno dos concellos con maior incidencia do coronavirus.

O avogado Xoán Antón Pérez-Lema asegura a Nós Diario que ante este "erro de enorme gravidade" do Goberno galego cumpriría exixir as persoas responsábeis a "responsabilidade patrimonial" polos "grandes prexuízos" xerados.

"A Xunta debe responder ante todos os negocios do país polos danos causados. Non será doado cuantificalos, mais tampouco imposíbel. Como é posíbel que entrase en vigor esta norma, que conculca dereitos fundamentais, sen lla comunicar ao TSXG?", sostén, e sinala como culpábeis tanto a Consellaría de Sanidade —cuxo titular é Julio García Comesaña— como a Consellaría de Xustiza —Alfonso Rueda—, xa que desta última depende a Asesoría Xurídica do Goberno.

Resposta da Xunta

Pola súa banda, o Goberno galego anunciou a súa intención de pedir de forma inmediata, esta sexta feira 13 de agosto pola mañá, ao Tribunal Superior autorización para poder exixir o certificado Covid para acceder ao interior dos locais de hostalaría nos municipios que estean en niveis alto e máximo de restricións.

Dará este paso tras analizar os autos do TSXG.

A hostalaría ve positivo o anuncio, mais teme un posíbel fechamento

Lois Lopes, da Plataforma Galega en Defensa da Hostalería, celebra que o anuncio "dá a razón" a parte do recurso presentado polo sector contra esta medida. "Recibimos o auto con alegría e quedamos con que a norma estivo vixente de forma ilegal durante tres semanas. Agardamos que o TSXG siga os pasos de Canarias ou Andalucía, onde xa se suprimiu esta exixencia, e cremos que pola actuación da Xunta cumpriría pedir responsabilidade patrimonial e mesmo política", afirma a este xornal.

Aliás, Lopes apunta a unha posíbel "cuestión de mala fe" por parte do Executivo galego, ao ter remitido ao alto tribunal a orde publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) o 21 de xullo, que non recollía esta medida, e incluír a mesma na orde do día seguinte, sen chegar a enviala para a súa aprobación.

Pola súa banda, Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, indica: "Agora hai dúas opcións, que nos obriguen a fechar ou seguir abertos co risco de que as e os clientes non queiran vir pola falta das garantías sanitarias que se lles ofrecían antes. O único que queremos é poder seguir traballando".

Feixoo non tiña "dúbidas xurídicas" sobre a aplicación desta norma

No cumio de presidentes decorrido en Salamanca o pasado 30 de xullo, o mandatario galego, Alberto Núñez Feixoo, defendera a aplicación desta obriga no conxunto do Estado, e afirmara non ter "ningunha dúbida xurídica" sobre a súa viabilidade a nivel legal.

"Consultamos a Asesoría Xurídica e entendemos que a lei xeral de sanidade e a lei de pandemias galega posibilitan que adoptemos esta decisión sen un amparo xudicial previo", sentenciou, nunha recente entrevista concedida a Europa Press.

Polo de agora, a Administración galega garda silencio e aínda non anunciou que pasos dará após coñecer estes autos xudiciais.

Exixen a comparecencia do presidente na Cámara

O deputado do BNG Ramón Fernández adiantou esta tarde que a súa formación demandará na Deputación Permanente do Parlamento galego a comparecencia do presidente da Xunta para que ofreza explicacións sobre esta "chapuza" que, dixo, "vén a dar a razón ás voces que denuncian que o Goberno segue na máis indignante improvisación, falta de sensibilidade e de empatía co sector".

"A hostalaría precisa certezas e axudas, non pode ser que a Xunta cause máis estragos que o propio virus", concluíu.

Noutra orde, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresou: "Os xuíces din que a Galiza ten un goberno chapuza que salta os dereitos fundamentais da cidadanía sen pedir autorización xudicial. Precisamos un goberno que non cree problemas, senón que os solucione".