A Xunta incorpora 400 humidais a un Inventario que leva 15 anos baleiro

As turbeiras da serra do Forgoselo, na comarca de Ferrolterra, foron incluídas no Inventario de Zonas Húmidas da Galiza. (Foto: Xeoparque Cabo Ortegal)
O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta segunda feira unha resolución pola que se inclúen 400 humidais no Inventario de Zonas Húmidas da Galiza despois de ficar 15 anos baleiro.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta segunda feira unha resolución pola que se inclúen 400 humidais no Inventario de Zonas Húmidas da Galiza despois de 15 anos da súa creación. Trátase dunha decisión xa avanzada pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o pasado 28 de xaneiro e que deixa sen protección sete de cada dez humidais galegos. 

Con esta actualización do Inventario de Zonas Húmidas, creado no ano 2008 ao abeiro do decreto 127/2008, a Xunta da Galiza pretende "estandarizar e organizar toda a información dispoñíbel relativa ás zonas húmidas, tanto en xeral como territorializada", así como "dispor dunha base de referencia e proporcionar unha ferramenta para a planificación e xestión do patrimonio natural". Así, após o inventario pasar 15 anos baleiro, xa se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital a través dun visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio

A Galiza conta cun número de humidais considerábel en comparación con outras comunidades do Estado español: o primeiro catálogo realizado pola Xunta da Galiza e coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) constataba, xa en 2001, máis de 1.100 no país. Destes, só 400 forman agora parte do Inventario de Zonas Húmidas. Desta maneira, a Xunta da Galiza ignora 7 de cada 10 das zonas húmidas do país.

Figurar no Inventario de Humidais da Galiza é un requisito previo para que estes ecosistemas logren un grao de protección oficial nos distintos instrumentos de ordenación territorial. Así e todo, moitas das zonas húmidas incluídas esta segunda feirana cartografía do Instituto de Estudos do Territorio xa están baixo algunha figura de protección. É o caso do istmo da Lanzada, no Concello do Grove (comarca do Salnés), que forma parte do Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira. Tamén se recollen os litorais das illas Cíes, Ons e Onza, incluídos no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas da Galiza (unha das figuras de máxima protección do territorio), e as marismas de Carregal e Artes, no Concello de Ribeira (O Barbanza), amparadas no Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán. Outros elementos que a Xunta inclúe no inventario xa están afectados por polígonos eólicos, como é o caso da serra do Forgoselo (Ferrolterra). 

A listaxe de 400 zonas húmidas tamén inclúe esteiros como o do río Ulla (na ría de Arousa) ou a enseada de San Simón (na ría de Vigo); rías como a de Lires (Fisterra), a do Porto (Terra de Soneira) ou a do Burgo (A Coruña); turbeiras como a do Barbanza; e encoros como o de Castrelo de Miño (O Ribeiro) ou o de Portodemouros (Arzúa e Deza), xunto con ríos, regatos, brañas, veigas e outras tipoloxías de humidais. 

Contaminación por nitratos

Ante a celebración do Día Mundial da Auga, que se conmemora o próximo 22 de marzo, Greepeace fixo públicos esta segunda feira os datos da Rede Cidadá de Medición de Nitratos que, durante todo 2022, rexistraron un total de 858 medicións de nitratos na auga da billa, na superficial e na subterránea.

A contaminación por nitratos é froito, principalmente, polo uso masivo de fertilizantes nitroxenados en explotacións agrícolas intensivas e por macroexplotacións gandeiras que non realizan unha xestión axeitada dos xurros. Trátase dunha contaminación que supón un maior risco para as crianzas menores de seis meses.

A Rede Cidadá de Medición de Nitratos constatou que 37% das medicións totais do estado indican contaminación da auga por nitratos, isto é, superan o límite legal, e 20% está en risco de superar estes límites. Non obstante, para Greenpeace, o "problema grave" está nas augas subterráneas, as reservas do futuro: 58% das medicións indican contaminación por nitratos. Neste caso destaca a Galiza, pois 97,5% das medicións realizadas en augas subterráneas superan o límite legal.

A situación da contaminación da auga por nitratos é tan grave, que a Comisión Europea decidiu a finais de 2021 levar o Estado español ante o Tribunal de Xustiza da UE por incumprimento da Directiva de Nitratos. Segundo a información da Comisión a Greepeace, este proceso continúa en marcha.