A Xunta non cataloga ningún espazo natural no Inventario de Zonas Húmidas

Zona húmida das Brañas de Valadares, no municipio de Outes, un espazo no que se proxecta o parque eólico de Maragouto (Foto: Nós Diario).
"A día de hoxe non hai ningunha resolución de inclusión publicada no DOG, polo que non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario", di a subdirección xeral de Espazos Naturais, en resposta a unha solicitude de información dun colectivo ecoloxista á que tivo acceso Nós Diario.

A subdirección xeral de Espazos Naturais, órgano dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de responder de forma negativa a unha solicitude reiterada da Asociación Cova Crea para acceder ao Inventario de Zonas Húmidas da Galiza.

O colectivo demandaba coñecer que espazos están incluídos na listaxe, así como a aplicación de medidas cautelares nos que aínda non foron engadidos.

No escrito, ao que tivo acceso Nós Diario, o subdirector, Tomás Fernández-Couto, desbotou ofrecer a información amparándose no artigo 15.2 do Decreto 127/2008 do 5 de xuño, que regula o réxime xurídico das zonas húmidas, que estabelece que a inclusión dun espazo na devandita listaxe non será efectiva até a súa inclusión no Diario Oficial da Galiza (DOG) por parte do titular de Espazos Naturais.

"A día de hoxe non hai ningunha resolución de inclusión publicada no DOG, polo que non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario", xustificou.

O propio decreto, porén, estabelece que si pasarán a un réxime de protección especial aqueles previamente incluídos no Inventario de Zonas Húmidas da Galiza (sempre a petición da propia Xunta) e que cumpra algún dos seguintes requisitos: que albergue especies "de especial interese" para o mantemento da biodiversidade, que desenvolva unha función hidrolóxica apreciábel no funcionamento natural da contorna, que ofreza refuxio a especies vexetais ou animais "nunha etapa crítica do seu ciclo biolóxico" ou que posúa un "xustificado interese" histórico, ambiental, cultural ou etnográfico.

Boa parte destes criterios cumpriríaos o complexo húmido das Brañas de Valadares (Outes), un lugar onde está prevista a construción do parque eólico de Maragouto, cuestión que motivou unha solicitude de inclusión no Inventario.

Desde Medio Ambiente limitáronse a responder, con base no artigo 13.4 do citado decreto, que a inclusión dun espazo na listaxe "lévase a cabo unicamente aos efectos estatísticos e de investigación e non implica un réxime de protección", polo que "non procede a aplicación de medidas cautelares" para engadir as zonas húmidas pendentes.

Na Galiza hai, desde a aprobación do decreto en 2008, cinco zonas húmidas que si están protexidas, en Corrubedo, Eo, Ortigueira, Umia e Valdoviño. Non se inclúe a lagoa de Antela, un espazo "imprescindíbel" para a biodiversidade, segundo expuña recentemente a Sociedade Galega de Historia Natural a este xornal.