A Xunta gastou máis de tres millóns de euros para financiar con diñeiro público abortos en clínicas privadas
A cantidade corresponde aos anos entre 2019 e 2024.
A Xunta da Galiza gastou máis de tres millóns de euros en financiar interrupcións voluntarias do embarazo (IVE) na sanidade privada entre os anos 2019 e 2024. En concreto, 3.139.000 euros.
Así se recolle nunha información publicada este sábado por El País e que recolle a través da Lei de Transparencia datos do gasto neste capítulo de todas as comunidades. “Estes centros recibiron polo menos 150 millóns de euros dos orzamentos das comunidades entre 2019 e 2024 para realizar os abortos que non asume a sanidade pública”, indica.
A Galiza rexistrou un total de 3.650 interrupcións voluntarias do embarazo (IVE) en 2024 dos que 77% realizáronse en centros públicos, segundo se recolle no Rexistro Estatal de Interrupcións Voluntarias do Embarazo, publicado polo Ministerio de Sanidade.
Así, as cifras sinalan que o pasado ano a Galiza rexistrou un total de 8,78 por cada 1.000 mulleres fronte ao 12,36% do conxunto do Estado. Por provincias, na Coruña notificáronse 1.834; en Lugo, 417; en Ourense, 380; e en Pontevedra, 1.019.
En total, o Ministerio de Sanidade informou de que o ano pasado realizáronse 106.172 abortos voluntarios no Estado español, o que supón un aumento lixeiro do 2,98 por cento con respecto á cifra de 2023 e reflicte unha tendencia ascendente desde 2020.
Garantir un aborto seguro e accesíbel pasa por fortalecer a atención, a protección e a promoción da saúde sexual e reprodutiva no ámbito público. Así o entende o presidente da Sociedade Galega de Contracepción e xinecólogo no Centro de Orientación Familiar (COF) de Vigo, Javier Valdés. En declaracións a Nós Diario, en setembro aseguraba que no que ao aborto se refire, o problema non é tanto de números como de calidade. "O número é o de menos, porque non estamos a falar dunha epidemia, senón dunha parte máis da medicina que facemos os xinecólogos. O importante aquí é que as mulleres teñan a opción de acceder a el, ben cando teñen un embarazo non desexado, ben cando hai problemas fetais ou maternos" durante a xestación".
Para Valdés o que importa é "como e onde se fan" as interrupcións voluntarias do embarazo (IVE). Segundo explica, a mediados dos 80 creáronse os COF con ese obxectivo, para asistir de forma integral as mulleres no que ten a ver coa saúde sexual e reprodutiva, e neste marco, tamén as que querían abortar, "pero desde hai anos estanse a desmontar".
Ano a ano, asegura, o Goberno galego está a reducir os recursos e a práctica dos centros de planificación. Perden traballadoras e medios, o que supón unha mingua dos dereitos sanitarios das mulleres. "Uns fechan por falta de persoal e outros xa non existen". De 14 reducíronse a sete, un en cadansúa área sanitaria, "pero cada vez máis achicados".


