Reclaman centros especializados e persoal estábel para garantir o acceso ao aborto
Garantir un aborto seguro e accesíbel pasa por fortalecer a atención, a protección e a promoción da saúde sexual e reprodutiva no ámbito público. Así o entende o presidente da Sociedade Galega de Contracepción e xinecólogo no Centro de Orientación Familiar (COF) de Vigo, Javier Valdés. En declaracións a Nós Diario, asegura que no que ao aborto se refire, o problema non é tanto de números como de calidade. "O número é o de menos, porque non estamos a falar dunha epidemia, senón dunha parte máis da medicina que facemos os xinecólogos. O importante aquí é que as mulleres teñan a opción de acceder a el, ben cando teñen un embarazo non desexado, ben cando hai problemas fetais ou maternos" durante a xestación".
Para Valdés o que importa é "como e onde se fan" as interrupcións voluntarias do embarazo (IVE). Segundo explica, a mediados dos 80 creáronse os COF con ese obxectivo, para asistir de forma integral as mulleres no que ten a ver coa saúde sexual e reprodutiva, e neste marco, tamén as que querían abortar, "pero desde hai anos estanse a desmontar". Ano a ano, asegura, o Goberno galego está a reducir os recursos e a práctica dos centros de planificación. Perden traballadoras e medios, o que supón unha mingua dos dereitos sanitarios das mulleres. "Uns fechan por falta de persoal e outros xa non existen". De 14 reducíronse a sete, un en cadansúa área sanitaria, "pero cada vez máis achicados". Só os de Vigo e A Coruña "facemos todo", di Valdés, polo que defende a existencia dun centro específico de atención á saúde sexual e reprodutiva en todos os hospitais de referencia das grandes áreas, "mais tamén nos hospitais comarcais", onde non hai.
Aborto seguro
Seguindo di, o aborto "legal, seguro e accesíbel" que a comunidade internacional reivindica este 28 de setembro, exixe que a muller que desexa interromper o seu embarazo non teña que percorrer un cento de quilómetros para facelo no sanidade pública nin teña que recorrer a un centro privado para sortear a demora do servizo público. Tamén exixe a mellor planificación, acompañamento, seguimento e a escolla do método de intervención máis adecuado.
Das 3.385 interrupcións voluntarias do embarazo que se realizaron na Galiza no ano 2024, "3.156 (93%) tiveron lugar nos hospitais da rede sanitaria pública galega e 229 (7%) en clínicas autorizadas". Son datos da Consellaría de Sanidade, que a preguntas de ste xornal destaca o descenso das IVE derivadas á privada. "En 2023 representaron 76%; en 2022, 68%; en 2021, 60%". Neste sentido, Sanidade asegura que Galiza "conta cos medios para ofrecer esta prestación dentro do seu sistema público en todas as áreas sanitarias e en todas as semanas de xestación e modalidades autorizadas pola lei".
Porén, ao presidente da Sociedade Galega de Contracepción non lle dan as contas e atribúe á concertada unha actividade máis elevada en materia de abortos, ao tempo que apunta unha "presión maior" para evitar a derivación de mulleres aos centros de referencia e optar pola interrupción farmacolóxica. "Isto pódese facer grazas até a semana nove de embarazo, pero ten as súas consecuencias, porque moitas mulleres fican sen control ningún despois do aborto. Parece sinxelo, pero sempre implica dor –física ou emocional–, pode haber complicacións, dúbidas...".
O aborto seguro non existe, afirma Valdés. Todos teñen un risco. "Pero a forma de prestar o servizo máis seguro é no marco da estrutura sanitaria pública, nun centro especializado, con persoal estábel e formado para garantir unha atención integral e libre de obxeccións".
A Lei 1/2023 de 28 de febreiro de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo obriga á creción dun rexistro de profesionais obxectores de conciencia que o Servizo Galego de Saúde "está a desenvolver", dous anos e medio despois. Sanidade acusa o Estado de "falta de protocolo" para xestionar un asunto "complexo", porén asegura "as erencias das áreas sanitarias teñen coñecemento dos profesionais que exercen o seu dereito de obxección de conciencia á realización de interrupcións voluntarias de embarazo, o que permite a organización da asistencia sanitaria".
Saúde e educación afectivo-sexual
Este sábado clausúrase en Oia (Baixo Miño) o XI Congreso da Sociedade Galega de Contracepción. O encontro anual cun foro protagonizado polos Centros de Orientación Familiar, "que nós defendemos que se chamen Centros de Saúde Sexual e Reprodutiva". Javier Valdés reivindica "unidades multidisplinares" dotadas de persoal especialista en traballo social, psicoloxía, xinecoloxía, matronas, persoal administrativo.
Na mesma liña, desde a Marcha Mundial das Mulleres, Erea Blanco chama a dotar de contidos outros espazos de referencia en materia de saúde sexual, afectiva e reprodutiva como os centros Quérote, así como levar ás escolas unha "materia obrigatoria" con contidos específicos de educación afectivo-sexual, identidade, xénero... "A información é fundamental e non sempre chega á rapazada", como tampouco abonda "con reducir o marco do aborto ao que é ou non é legal".