Eximen a Xunta de pagar 15,5 millóns ao Estado polas peaxes en sombra de Rande e a Barcala

A ponte de Rande, integrada na autoestrada AP-9, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou a solicitude do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que a Xunta lle aboase a indemnización que o Goberno galego lle debe pagar á concesionaria da AP-9, Audasa.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou a solicitude do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que a Xunta lle aboase a indemnización que o Goberno galego lle debe pagar á concesionaria da AP-9, Audasa, polas cantidades que deixou de percibir polas peaxes en sombra da Ponte de Rande, que cruza a Ría de Vigo, e do tramo da comarca coruñesa da Barcala durante os anos 2017, 2018 e 2019.

Tal como explica a sentenza do alto tribunal galego, a Administración estatal baseou a súa solicitude á súa vez nunha sentenza do Tribunal Supremo, que a condenou a pagar á concesionaria as cantidades acordadas en 2006 para que os tramos A Coruña-A Barcala e Rande-O Morrazo pasasen a ser gratuítos. Nese ano o pagamento foi asumido polo Estado, é dicir, pasaron a ser peaxes en sombra.

Desta maneira, a gratuidade destes tramos provocou un notábel incremento do número de usuarios, polo que en 2017 o Goberno estatal modificou, a través dun real decreto, o sistema de cálculo da peaxe que lle correspondía pagar a Audasa.

Con todo, en 2020 o Tribunal Supremo declarou o “dereito da concesionaria a ser indemnizada” polos prexuízos causados pola implantación do novo sistema de retribución dese real decreto e ordenou ao Estado pagar a diferenza entre o que percibise con arranxo ao sistema anterior fixado en 2006. Esa cantidade é duns 15,6 millóns de euros, a cal o Executivo agora reclama á Xunta.

O TSXG rexeita a petición

Con todo, o TSXG rexeitou esa petición, subliñando que "non é procedente" condenar o Goberno galego a abonar directamente a Audasa a metade ou a totalidade dos pagos anuais que se deriven dos anos 2017, 2018 e 2019, e até o final do prazo da concesión da AP-9.

"A sentenza do Tribunal Supremo non impón condena algunha á Xunta e, por iso, a propia executante, Audasa, insta a execución fronte á Administración do Estado, por así dispolo a sentenza", explica o tribunal galego na súa resolución.

"A Administración Xeral do Estado xustifica o seu incumprimento en que parte das cantidades reclamadas eran debidas pola Xunta, causa que foi rexeitada polo Tribunal Supremo nun auto do 14 de outubro de 2021", recolle a sentenza do TSXG.