As peaxes da AP-9 soben 3%, por riba da media estatal

As autoestradas de titularidade galega experimentan un incremento de 2,5% a partir do 1 de xaneiro.
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Arxina).

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) informou nesta quinta feira da actualización das peaxes das autoestradas de competencia estatal que entrará en vigor este sábado, 1 de xaneiro. A nivel xeral, aplícase un incremento de 1,97%, malia que hai catro concesións que experimentan unha suba adicional. Son a AP-6, a AP-7, a AP-46 e a AP-9, que discorre entre Ferrol e Tui e cuxa tarifa medra agora 2,99%.

Esta medida "excepcional", explicou o Mitma, responde ao "cumprimento de normas específicas" que recollen "subas escaladas de tarifas para cubrir custos por excesos de valoración de expropiacións ou por execución de obras en que incorresen as respectivas sociedades concesionarias, para financiar bonificacións de peaxe e compensar a non aplicación de incrementos de tarifas inicialmente previstas por interese público".

Porén, aclara, no caso da AP-9, que este aumento de case 3% "realízase sen prexuízo das bonificacións parciais ou totais das portaxes" que se aprobaron o pasado verán, como a gratuidade dos treitos O Morrazo-Vigo, A Coruña-A Barcala, Fene-Ferrol, o acceso a Redondela e as circunvalacións de Compostela, Pontevedra e Vigo.

O incremento que mañá entra en vigor tampouco afecta a gratuidade de todas as viaxes de volta en 24 horas ou a rebaixa de 20% do importe total pagado ao longo dun mes para aqueles vehículos que realicen máis de vinte viaxes no citado período.

A partir de agora, percorrer a autoestrada completa entre Ferrol e Tui terá un custo de até 22,95 euros, fronte aos 22,3 actuais.

Cómpre lembrar, a respecto da AP-9, que a Comisión Galega de Competencia desaprobou recentemente as sucesivas prórrogas concedidas a Audasa, ao considerar que a empresa tería percibido "unha compensación moi superior" á cantidade achegada polo financiamento das obras, "podendo constituír unha axuda de Estado".

As portaxes da Xunta medran 2,5%

Por outra parte, as autoestradas cuxa competencia corresponde á Xunta da Galiza, nomeadamente a AG-55 entre A Coruña e Carballo e a AG-57 que une Baiona e Vigo, experimentan desde o vindeiro mes de xaneiro un incremento de 2,5%.

Neste senso, o Goberno galego vén de confirmar a inxección de 550.000 euros ás empresas concesionarias para evitar que as tarifas subisen por riba de 5%, de forma acorde á inflación.

Comentarios