O PP tomba a comparecencia de Feixoo pola decisión do TSXG sobre o certificado Covid

Veto do PP a que Feixoo dea explicacións no Parlamento despois de que o TSXG proclamara que a obriga de contar cun certificado Covid para entrar no interior da hostalaría era ilegal, amais dunha medida pouco eficaz.
Imaxe de arquivo dunha xuntanza da Deputación Permanente. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Imaxe de arquivo dunha xuntanza da Deputación Permanente. (Foto: Parlamento da Galiza)

“É no Parlamento onde hai que comparecer e non no telexornal e nos estudios de televisión”, insistiu Luis Bará, deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), na xuntanza esta cuarta feira da Deputación Permanente convocada tras solicitar o principal partido da oposición a convocatoria dun Pleno extraordinario para que Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta, dera explicacións sobre o rexeite do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) á obriga de contar cun certificado Covid para acceder ao interior da hostalaría.

Malia esa “desastrosa xestión”, cunha actuación chafalleira “desde a perspectiva política e xurídica”, detallou Bará, o Partido Popular (PP) aproveitou a súa maioría no órgano para botar abaixo a proposta (13 en contra por 10 a favor de BNG e PSdeG) e evitar que un Feixoo que tampouco asistiu á reunión da Deputación Permanente, tivese que dar explicacións no hemiciclo.

Para o deputado nacionalista, escoitar a posición de Feixoo en sede parlamentar é “xustificado, obrigado e necesario”, despois de que os dous autos do TSXG “deixen moi mal a actuación” da Xunta, até o punto de supor “unha emenda á totalidade do modus operandi” de Feixoo e o PP, “consistente en substituír acción de goberno por márketing político e medidas cara á galería”.

A xestión do Executivo foi un “engano á cidadanía e ao TSXG”, proseguiu, con “medidas erráticas e ineficaces” que poñen de manifesto “tics autoritarios”. Por isto, exixiu que o PP asuma a responsabilidade en forma de “dimisións” ou “destitucións”.

A crise “sanitaria aínda non rematou” a pesar do “triunfalismo” da Xunta, incidiu Bará, que pediu prudencia e reclamou diálogo con todos os representantes da hostalaría, así como indemnizacións. Tamén propuxo un plan de choque de 200 millóns de euros para a sanidade pública.

Unha vez constatado o veto á comparecencia, o parlamentario afirmou que aínda que o PP “lle moleste o debate”, o BNG continuará poñendo a xestión da pandemia no centro da acción do Parlamento unha vez abra o período de sesións.

"Ten que volver de vacacións"

“É evidente que o presidente da Xunta ten que volver de vacacións”, sinalou Gonzalo Caballero, secretario xeral do Partido dos Socialistas da Galiza, antes de comunicar o apoio da súa forza á iniciativa do BNG.

“Nin tan sequera pediron a autorización antes de ir de vacacións”, apuntou, acusando a Feixoo de saltar “de ilegalidade en ilegalidade” e de intervir este domingo nun acto con Pablo Casado (presidente do PP) “para defender o ideario retrógrado do PP”, e non no Parlamento.

Caballero fixo un chamamento ao presidente galego para que actúe dentro do Estado de dereito após unha “sucesión de erros e ilegalidades”. “Pido ao goberno que o explique para estar xuntos en contra do virus”, rematou.

O voceiro do PP na Cámara, Pedro Puy, xustificou a medida rexeitada polo TSXG por mor de que o “33% dos contaxios e o 18 dos gromos” na quinta onda de Covid-19 procedían do interior da hostalaría e contaba coa aprobación do Comité Clínico, destacando que é a primeira medida que se rexeita ao Goberno pola vía xudicial.

Amais, asegura que para a Xunta non se violaban dereitos fundamentais e que a responsabilidade é o Executivo estatal por non ter aprobado unha normativa para as pandemias.

Comentarios