A Xunta engorda o alarmismo: anuncia un mapa de 'okupacións' na Galiza

Foto de arquivo da rúa Barcelona, Na Coruña. Barrio da Agra do Orzán

Tamén anuncia que habilitará un teléfono de información e asesoramento a persoas afectadas

Os datos e estatísticas non o xustifican mais o alarmismo, e demagoxia, mediática e tamén `política coas ‘okupacións’ continúa a medrar. Desta volta é a propia Xunta, quen se suma:  O Pleno do Observatorio da Vivenda proporá esta sexta feira a habilitación dun teléfono específico por parte da Xunta para "informar e asesorar a aqueles prexudicados por unha okupación ilegal", á vez que a Administración galega encargará aos administradores de fincas e axentes da propiedade a realización "dun mapa de okupacións na Galiza" para coñecer o estado actual da problemática.

Así o indicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, en declaracións aos medios pouco antes de presidir o pleno deste Observatorio, que incorporará como novo membro ao Colexio de Administradores de Fincas.

No seo deste organismo, que analiza os plans de vivenda e debate as problemáticas nesta materia de mans de distintos axentes implicados, tratarase este venres a estratexia de vivenda en Galicia para os próximos anos.

Alarmismo

Fronte ao bombardeo mediático, voces especializadas en dereito á vivenda apuntan a que a okupación responde máis a unha burbulla comunicativa que a un problema social. 

A Memoria do alto tribunal da Galiza fixa en 101 as demandas resoltas o ano pasado por ocupación ilegal de vivendas e a Memoria da Fiscalía galega de  2018  fala de 21 sentenzas por delitos de usurpación.

Os datos de desafiuzamentos que recolle a memoria do TSXG para 2019 poden axudar a poñeren en contexto estas cifras. Nese ano, os xulgados galegos practicaron 2.271 lanzamentos, dos que case 80%, 1.800, son consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos, é dicir, por impagamento do alugueiro, e outros 396, por execucións hipotecarias. 

Nese exercicio, o impagamento de hipotecas impulsou 758 demandas de execución, a cifra máis baixa nos últimos 12 anos, segundo o propio TSXG. Só o ano pasado supuxeron a nivel estatal case 54.000.