Así é a outra cara do incipiente negocio da "desokupación" na Galiza

Imaxe da TVG dun momento do proceso de desaloxo por parte da empresa en Lugo.
Presenza mediática, mensaxes intimidatorias, ataques políticos nas redes e apoio de perfís de ultradereita acompañan o nacemento de Mi casa no es la tuya, unha empresa xurdida en Lugo hai apenas un mes cuxa actuación xa está a ser investigada por un xulgado por un posíbel delito de coaccións durante un desaloxo na mesma cidade. O seu perfil reivindica o papel da firma na defensa "dos españois decentes e traballadores" ante a "inseguridade xurídica" que sofre a propiedade inmobiliaria.

Preséntase como unha empresa "cunha vocación social", que se define por "axudar todas aquelas persoas que perderon a posesión efectiva da súa vivenda debido á ocupación ilegal ou que teñen nela inquilinos precarios", mediante procedementos de "negociación" e, en caso necesario, de "control de accesos". Mais, a pouco que se pescuda, a mensaxe tórnanse menos amábel. 

Non hai máis que acudir ás súas redes sociais, a súa principal carta de presentación, xunto coas reiteradas intervencións en medios de comunicación, públicos e privados, para constatalo.

"Os cazaremos, vagos", "a estos delincuentes se les acaba el cuento" ou "no se escapará uno". Son os reclamos de Mi casa no es la tuya, a empresa lucense de "desokupación" que a pasada fin de semana participaba no desaloxo dun edificio na rúa Yáñez Rebolo da mesma cidade, onde desde hai meses residían varias familias sen pagar alugueiro das vivendas.

A intervención está no xulgado de instrución 1 de Lugo, que abriu dilixencias por un posíbel delito de coaccións contra a empresa, denunciada por dúas das persoas desaloxadas, e que, ao tempo, investiga a denuncia dos membros de Mi casa no es la tuya contra esas mesmas persoas por lesións, das que consta un parte médico, segundo confirman desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). 

 "Hoy hemos estado cazando ratas. Dos pisos de un edificio, uno recuperado ya por Micasanoeslatuya y otro en proceso. Intento de homicidio con una furgoneta y de linchamiento con palos. Un compañero herido, no nos vamos, seguimos luchando", relataba a firma na súa conta de Twitter.

Desde Stop Desafiuzamentos Lugo, cuxos membros, xunto cos doutros colectivos sociais, estiveron presentes na actuación –mesmo fixeron gardas durante a noite– e acompañaron despois as persoas desaloxadas que así o requiriron no proceso para atopar acubillo e buscar axuda nas institucións públicas, teñen unha visión diferente.

Criminalización da pobreza

"Eu non vin esa batalla campal, e si xente con actitude desafiante, que provocaba e retaba a quen estabamos alí, bloqueando a entrada da vivenda. Iso foi o que xerou as tensións", relata Mina Galván, portavoz desta organización, que alerta tamén da vulnerabilidade dalgunhas das persoas residentes das cales dúas, apunta, contan cun alto grao de discapacidade. 

 Superioridade física, actitude "provocadora" e chalecos de seguridade baixo as camisetas promocionais da empresa son algunhas das ferramentas coas que opera este negocio de "recuperación de vivendas", segundo a activista.

"E colocan grandes anuncios de alarmas no edificio, un reclamo que abre a veda para facilitar a suba de prezos doutros propietarios ou a converter os pisos en vivendas turísticas", alerta.

"Aquí o que se está criminalizando é a pobreza", advirte a portavoz de Stop Desafiuzamentos, cuxa plataforma emitiu ao día seguinte dos feitos un comunicado para denunciar a actuación da empresa, "polo impedimento aos familiares das afectadas de entrar a axudar os moradores a retirar as súas pertenzas e mesmo de levar medicinas a unha muller enferma que se atopaba no interior" e outras actitudes. 

A plataforma antidesafiuzamentos xa contactou coa Xunta na busca de alternativas para as persoas que quedaron máis desprotexidas, a través do programa Reconduce ou outras axudas á emerxencia social –para o que hai fixada unha xuntanza mañá–, e tamén está en contacto cos Servizos Sociais municipais, segundo conta Galván, a preguntas de Nós Diario.

"Non estiveron alí, e as xestións nesta época entorpécense polos protocolos da Covid-19, que obrigan a pedir cita previa o que alonga todo o proceso", observa. Este diario consultou o Concello lugués sobre as actuacións con estas familias ou sobre a situación legal do edificio, sen resposta. 

Casas baleiras

A ollos da organización social, o "gran problema cos okupas" é, en realidade, "a problemática de moitas persoas necesitadas dunha vivenda e a necesidade de dar alternativas ás familias". "Non é que defendamos a ocupación, sabemos que a xente non ten dereito a meterse nunha vivenda allea, pero si a unha vivenda digna", di.

A fórmula desta empresa non parece que se adapte aos tempos nos que estamos, ao que se precisa para poder sobrevivir", reflexiona Galván, botando man dos datos de vivenda desocupada21% en Lugo, unha de cada cinco, segundo a súa organización– e de ocupación, que cifra na cidade en 14 casos, facendo alusión a datos policiais.

Nunha das varias entrevistas recollidas en distintas cadeas, un dos fundadores de Mi casa no es la tuya, Rubén López, falaba –neste caso, na TVG– de catro ocupacións perpetradas na cidade en só dúas semanas. Serían máis que as que o Consello Xeral do Poder Xudicial ten cuantificadas a nivel provincial en Lugo durante todo o primeiro trimestre deste ano (último período do que hai datos publicados con ese nivel de desagregación). 

Segundo esta fonte, neses tres meses os procedementos verbais posesorios por ocupación ilegal de vivenda foron tres –e 21 en todo 2019–, mentres que os lanzamentos por impagamento da vivenda en Lugo ascenderon a 38 entre xaneiro e marzo, e a 217 en 2019.

En toda Galiza, as demandas por ocupación ilegal sumaron na primeira metade do ano 51 casos (referidos a aqueles en que as propietarias son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, o que deixa fóra a entrada en pisos de bancos), 21,5% menos que no mesmo período do ano anterior, segundo o TSXG. 

Con estas cifras, entidades como Stop Desafiuzamentos reclaman "políticas de rehabilitación e de vivenda social", regulación nos prezos do alugueiro e vontade "para aprobar unha normativa que garanta o dereito á vivenda digna de todas e cada un das persoas de Lugo". 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir desta cuarta feira, día 23, nos quiosques ou na nube]