O TSXG constata un descenso na ocupación ilegal de vivendas mentres a Fiscalía fala de "fenómeno crecente"

O fiscal superior, Fernando Suanzes (esquerda) e o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, na Apertura do Ano Xudicial.
Igual que no paradoxo ideado polo físico austríaco Erwin Schrödinger no que o gato protagonista do experimento teórico está, ao tempo, vivo e morto, a ocupación ilegal na Galiza é ou non é un fenómeno en crecemento dependendo da fonte xudicial á que se atenda. 

A contradición quedou patente durante o acto de apertura do ano xudicial que tivo lugar onte na sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Nel, o fiscal superior, Fernando Suanzes, lanzou a cifra: 400 novos casos ingresados por ocupación ilegal de vivenda, "un fenómeno crecente" ao que se ten dedicado, dixo, "non poucas reflexións e debates con bastantes menos solucións prácticas".

Poñendo o foco no aumento de casos, 38% máis o ano pasado que no precedente segundo as súas cifras, e na "preocupación ou mesmo indignación cidadá" pola "sensación de impunidade", Suanzes comprometíase na súa intervención a poñer o órgano galego a traballar "con determinación", de acordo cos criterios de unidade de actuación estabelecidos pola Fiscalía Xeral do Estado na súa recente instrución, para afrontar as violacións de morada e usurpación de bens inmóbeis "coa eficacia que demanda a cidadanía, na defensa da legalidade e defensa dos dereitos e lexítimos intereses das vítimas e prexudicados por estas infraccións".

O presidente do alto tribunal galego, José María Gómez y Díaz-Castroverde, facía a continuación unha interpretación diferente, ao aludir ao descenso que a ocupación ilegal de vivenda experimentou na primeira metade deste ano na Galiza, que rexistrou 51 casos entre xaneiro e xuño, menos dos  65 do mesmo período de 2019.

"A alarma xerada nos últimos meses sobre a ocupación de vivendas na nosa comunidade arroxa o paradoxo de que as demandas por ocupación ilegal de vivendas descenderon 21,5% durante os seis primeiros meses deste ano", apuntou, despois de sinalar a "obriga" de dar unha resposta áxil á cidadanía, mais tamén de ser "transparentes e ofrecer os datos estatísticos que elabora o Poder Xudicial e que reflicten a evolución de problemáticas que afectan a sociedade".

Estas cifras, referidas a ocupacións ilegais de vivendas en casos nos que a propiedade é de persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social –e non entidades bancarias, por exemplo– baten á súa vez coas subministradas a principios do verán polo Ministerio do Interior, que informaba de 79 feitos desta clase no primeiro semestre do ano, fronte os 59 do semestre de 2019.

Sen datos públicos da Fiscalía de 2019, os de 2018 apuntan, en efecto, a 344 usurpacións incoadas, e mais 76 delitos de violación de morada, mais tamén ás sentenzas asinadas por estas cuestión, que foron, en total, 31.

En 2019, os xulgados galegos executaron un total de 2.271 lanzamentos, 1.800 por impago do alugueiro e 396 por débedas na hipoteca. No primeiro trimestre deste ano producíronse 420 lanzamentos e rexistráronse, segundo os datos do TSXG, un total de 24 demandas por ocupación ilegal de vivendas