A 'okupación' na Galiza, nos medios máis que nas casas

Concentración contra o desafiuzamento de familias en Vigo (Imaxe: Europa Press).

Fronte ao bombardeo mediático, voces especializadas en dereito á vivenda apuntan a que a okupación responde máis a unha burbulla comunicativa que a un problema social. Nós Diario analiza a realidade deste  fenómeno na Galiza.

A Garda Civil procedeu onte ao desaloxo forzoso dunha vivenda ocupada contra a vontade das persoas propietarias en Perillo, Oleiros. A orde, emitida por un xulgado de instrución da Coruña, respondía a un procedemento xudicial por delito de usurpación, o tipo penal que habitualmente se relaciona coa ocupación ou, como se está a xeneralizar, 'okupación' de vivenda. A medida, da que informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), respalda un estado de opinión, reforzado a diario por partidos políticos e medios de comunicación, que pon este fenómeno no punto de mira como unha das principais preocupacións do Estado español, e que tamén chega á Galiza en forma de titulares alarmantes.

Porén, os últimos datos do Ministerio do Interior acoutan a 79 os feitos coñecidos sobre ocupación ilegal de inmóbeis galegos nos primeiros seis meses deste ano. A Memoria do alto tribunal da Galiza fixa en 101 as demandas resoltas o ano pasado por ocupación ilegal de vivendas e a Memoria da Fiscalía galega de  2018  (a última publicada) fala de 21 sentenzas por delitos de usurpación.

Os datos de desafiuzamentos que recolle a memoria do TSXG para 2019 poden axudar a poñeren en contexto estas cifras. Nese ano, os xulgados galegos practicaron 2.271 lanzamentos, dos que case 80%, 1.800, son consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos, é dicir, por impagamento do alugueiro, e outros 396, por execucións hipotecarias. Nese exercicio, o impagamento de hipotecas impulsou 758 demandas de execución, a cifra máis baixa nos últimos 12 anos, segundo o propio TSXG. Só o ano pasado supuxeron a nivel estatal case 54.000.

Os despexos suman nos últimos anos centos de miles de caso. Como podemos non estar falando deste problema e falar cada día das ocupacións?, cuestiona Iago Carro

"Os despexos suman nos últimos anos centos de miles de casos. Como podemos non estar falando deste problema e falar cada día das ocupacións?", pregúntase o arquitecto coruñés Iago Carro, membro de Ergosfera. Para el, unha resposta está na anticipación  perante as previsíbeis consecuencias da nova crise derivada do coronavirus.

"Se poñemos en perspectiva o problema da vivenda témonos que remontar máis atrás do 'crac' do 2008. As manifestacións de V de Vivenda e por unha vivenda digna veñen de catro e cinco anos antes, pero o problema multiplicouse con aquela crise e vese que é unha cuestión que vai en aumento. Entón, quen domina o mercado inmobiliario e grupos empresariais de comunicación estanse a adiantar, creando un caldo de cultivo na poboación para impulsar medidas lexislativas", observa, e apunta a un alarmismo en relación coa ocupación que "non soporta a máis mínima análise científica en termos estatísticos".

"Trátase de meter medo, de confundir", censura, en alusión á xa aceptada igualación, nos medios de comunicación, do termo 'okupa', asociado a un movemento ideolóxico e político e vinculado a centros sociais, coas persoas que ocupan vivendas por precariedade. "Este discurso antiocupación mete todo no mesmo saco para non falar do problema estrutural e endémico que hai sempre detrás destes procesos. Cando os datos son tan claros, pero nin medios de comunicación nin partidos políticos se basean neles, resulta difícil loitar contra eses consensos que se están tentando instalar na poboación. É como falar do movemento antivacinas ou do negacionismo da Covid-19", opina, alertando tamén da confusión interesada que  supón mesturar a ocupación co delito de violación de morada, "e facer crer á xente que se marcha de vacacións vai quedar sen casa e non vai poder facer nada".

Este discurso antiocupación mete todo no mesmo saco para non falar do problema estrutural e endémico que hai sempre detrás destes procesos, engade carro

O profesor de Dereito Penal da Universidade da Coruña José Ramos fai, a este respecto, unha apreciación: o Código Penal indica expresamente, para o delito de usurpación, que a vivenda non pode ser morada. "O suposto no que marchas do domicilio e á volta está ocupada por outra xente non sería unha ocupación, senón un delito de violación da morada", puntualiza.

En precario

"Cando os grandes medios falan da ocupación resulta unha visión perversa. É unha ollada moi parcial do que representa o dereito á vivenda, que enfronta a realidade que hai, onde a xente con baixos ingresos ten moi difícil acceder a unha vivenda digna, e os intereses económicos que hai detrás", salienta Diego Lores, membro da Oficina  de  Dereitos  Sociais  de Coia, en Vigo.

 O activista pon o barrio de Coia como exemplo do proceso que experimentou nas últimas décadas o mercado inmobiliario. "A xeración dos nosos pais entrou en vivenda en propiedade. Moita xente veu desde o rural para ser man de obra á industria viguesa. Esa xeración deu paso a outra, de fillos e netos que temos moi difícil o acceso á vivenda. Quen non ten por situación familiar ese acceso, a única alternativa que atopa é o mercado de alugueiro libre, a infravivenda ou, nalgúns casos, a rúa", advirte, facendo alusión aos atrancos que unha persoa en precario atopa no mercado: desde o propio prezo do alugueiro, moi afastado dese 30% dos ingresos mensuais que fixan as recomendacións, á "morea de obstáculos de propietarios e inmobiliarias" que piden seguros, avais, nóminas e meses de adianto, garantías que, como indica,  non poden permitirse as persoas que viven ao día.

Turistificación

A esta situación, Lores engade o "abandono" das políticas de vivenda por parte das Administracións públicas, limitadas a "esmolas e parches, en forma de plans moi parciais que non chegan practicamente a ninguén, moi afastadas do que sería garantir o dereito a vivenda, que terían que ver con políticas estruturais, que poñan o solo, ou a vivenda xa construída, ao servizo de quen menos ten".

As políticas que se fan son as que favorecen que as nosas cidades se convertan en espazos para turistas,asegura Diego Lores

"E, ao tempo, as políticas que se fan son as que favorecen que as nosas cidades se convertan en espazos para turistas, dando espazo a Air b'n'b e similares, dando todas as facilidades aos grandes capitais", observa.No mesmo sentido, Iago Carro cre que "se lexislativamente non se regula para controlar que non todo o mundo prefira meter os seus pisos nesta clase de plataformas a vivenda turística acabará por transformarse nun problema que, aínda que a nivel galego sexa a pouca escala, acabará tendo un certo impacto, a sumar aos infinitos problemas que xa ten o acceso a vivenda".

300.000 vivendas baleiras

Outro dato a poñer en relación co número de ocupacións ilegais: a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, Fegein, cifra nuns 300.000 os inmóbeis baleiros a nivel galego."Sacar ese parque ao mercado sería gastar menos diñeiro público que facer as mesmas vivendas desde cero", reflexiona Iago Carro, opoñendo medidas "parciais" como a que representa, aos seus ollos,  o programa para vivendas baleiras da Xunta.

Sacar ese parque ao mercado sería gastar menos diñeiro público que facer as mesmas vivendas desde cero, reflexiona Carro

"Falamos dun problema que toca moitísimos estratos sociais en distintas maneiras, desde a persoa que vive nun caixeiro ou debaixo dunha ponte até a mocidade que non se pode independizar, ou que se o fai é marchando do barrio cara ás periferias, e todos os problemas relacionados co dereito á vivenda. Parece que habería certo substrato de votantes que vería cos bos ollos políticas decididas neste sentido, pero os partidos con poder non parecen entendelo ou non están polo labor", critica.

Neste contexto, desde a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, Lores censura o tratamento que desde os medios de comunicación se fai da ocupación, "cando o acceso á vivenda é practicamente inasumíbel para persoas que carecen de recursos ou estabilidade", e engade o papel que cumpren nesta visión criminalizadora as empresas de seguridade privada, que se anuncian nos medios apelando a este fenómeno "co obxectivo de vender".  "Polos casos que podemos coñecer, as persoas que optan pola ocupación son as menos, porque é unha alternativa que está moi castigada tanto penal como socialmente", conclúe.

As persoas que optan pola ocupación son as menos, porque é unha alternativa que está moi castigada tanto penal como socialmente, di Lores

Un fenómeno con mal encaixe na Galiza

O delito de usurpación, o que se relaciona habitualmente cos procesos de ocupación, está regulado no artigo 245 do Código Penal e refírese, no seu apartado segundo (o primeiro alude a casos con violencia, moi residuais) a quen ocupa de forma ilegal un inmóbel. Segundo sinala o profesor da UDC José Ramos, os tribunais, de forma maioritaria, encadran este delito á ocupación "con visos de permanencia" e non tanto os casos nos que esta é transitoria, como a que atinxe a persoas que entran nun recinto alleo a pasar a noite, ou aqueles casos nos que non existe un coñecemento social da propiedade da vivenda en cuestión.

Así, para Ramos, cómpre atender o perfil do inmóbel. "Non son primeira vivenda, porque iso sería un delito distinto. Entón, falamos moitas veces de casas que están en litixio ou que pertencen a persoas xurídicas, como a banca ou grandes propietarios, aínda que tamén as vacacionais", explica. "A maior parte destes delitos danse nas grandes urbes –nomeadamente Barcelona e, despois, Madrid– porque é aí onde se dá unha maior concentración da propiedade inmobiliaria e onde aparecen as grandes bolsas de precarización, pola presión inmobiliaria desas grandes propietarias que elevan os prezos a niveis prohibitivos", expón, facendo unha análise en clave socioeconómica.

É este duplo perfil, o do inmóbel e o da persoa que ocupa, o que fai que o fenómeno non teña, para Ramos, tanto encaixe na realidade galega. Así, o especialista en Dereito Penal considera o pulo mediático da ocupación "inmerecido": "A comunicación diríxese ao pequeno ou mediano propietario da gran cidade, o lector, e non ás miles de vivendas desocupadas nas contornas urbanas ou, moito menos, á propiedade rural totalmente abandonada".