A Xunta descolga o teléfono de atención por ocupación de vivenda nun ano con 73 demandas

Concentración contra o desafiuzamento de familias en Vigo (Foto: Europa Press).
A Administración galega vén alertando dun "problema que se agudizou" a pesar de que os datos amosen o contrario. En tanto, no que vai de 2020 os xulgados practicaron de media catro desafiuzamentos diarios, un total de 1.310.

Desde mañá está operativo o teléfono de asesoramento xurídico gratuíto a persoas propietarias de vivendas que sexan ocupadas de maneira ilegal. Un paso máis na estratexia da Xunta da Galiza para atallar un "problema que se agudizou en 2020", en palabras da conselleira con responsabilidades no ramo, Ángeles Vázquez, a pesar de que os informes da actividade do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)  indiquen o contrario. 

26,2% menos que en 2019

Os da primeira metade de 2020 recollen 51 casos de ocupación ilegal de vivenda, menos dos 65 do mesmo período en 2019. No do terceiro trimestre consolídase o descenso deste delito, cos xulgados ingresando 22 demandas fronte as 34 do mesmo o pasado ano. En total, nos nove primeiros meses do presente ano rexistráronse 73 demandas fronte ás 99 dos mesmos meses de 2019. Unha baixada interanual de 26,2%.

En setembro, o propio presidente do Alto Tribunal galego aludía ao "paradoxo" entre a "alarma xerada nos últimos meses sobre a ocupación de vivendas" e o número de casos. En tanto, a Xunta optou por redobrar os seus esforzos no combate deste "fenómeno de grande impacto social" cunha cartografía das vivendas ocupadas no país, unha mesa de traballo con asociacións veciñais ou unha proposta lexislativa ao Estado para endurecer o Código Civil e o Penal.

Sen ser quen de cuantificar dito "fenómeno", Ángeles Vázquez responsabilizouno en sede parlamentar do "gran número de vivendas baleiras" na Galiza debido ao medo dos seus propietarios a unha ocupación. E asegurou que ese temor os frea á hora ceder os seus inmóbeis ao "aparcadoiro público de vivenda de alugueiro" da Xunta. 

Exclusión residencial

Na mesma Cámara a EAPN Galiza-Rede galega contra a pobreza, que agrupa 130 entidades do terceiro sector, reclamou a "penalización das vivendas baleiras" ou a "persecución de infravivendas de alugueiro" para facer fronte á exclusión residencial. A morada, lembraron, é o principal factor nas dinámicas de exclusión social na Galiza tal e como concluíu o informe Foessa de 2019 con datos de 2018. Dous anos antes da pandemia do coronavirus 35% da poboación vivía en risco de exclusión residencial.

Na súa comparecencia a EAPN tamén reclamou medidas de prevención dos despexos "que aseguren o mantemento da vivenda sen esperar que se produzan impagamentos ou o lanzamento". Entre xaneiro e setembro de 2020 os xulgados galegos practicaron 1.136, unha media diaria de catro. Así, os desafiuzamentos multiplican por 15,5 as demandas de ocupación ilegal de vivenda nestes meses.

Outra das peticións da rede pasou polo incremento do parque público de vivendas, unha liña á que a Xunta destinou cada vez menos recursos desde 2009. Na terceira lexislatura do popular Alberto Núñez Feixoo construíronse 129 vivendas en 2016; 12 en 2017; 8 en 2018 e 4 en 2019. En tanto, máis de 15.000 persoas agardan a atención da súa solicitude no Rexistro oficial de demandantes de vivenda protexida. Unha parte importante, máis de 12.000, piden un fogar en réxime de alugueiro.