Nos últimos nove anos acabáronse menos vivendas protexidas que en todo 2007

Vivenda nova e de vella construción no barrio de Santa Marta, en Santiago de Compostela (Arxina).
A vivenda social construída na Galiza caeu perto do cento por cento desde o ano 2008. Sen política nin intervención pública, o mercado impón o seu propio ritmo, mais a cidadanía require alternativas asequíbeis e de calidade.

O confinamento derivado da crise sanitaria provocada polo novo coronavirus converteu a vivenda nun refuxio necesario. Neste tempo foi espazo de convivencia, de traballo, de ocio, de coidados e de actividades extraordinarias, mais non por igual para todo o mundo.

Voces expertas coinciden á hora de afirmar que nunca foi tan pertinente como neste momento reflexionar sobre o dereito humano a unha vivenda digna. A COVID-19 revelou as dificultades das persoas sen teito para gorecérense pero tamén as de moitas familias que viven de aluguer para atender un pagamento mensual abusivo por vivendas con ventás minúsculas e falta de hixiene. Infravivendas, ás veces superpoboadas, que axudan a explicar a deriva das políticas e da produción de moradas após o boom do ladrillo e da burbulla inmobiliaria.

A construción de residencia protexida na Galiza caeu a mínimos históricos nos últimos anos.

Neste contexto, o arquitecto Roi García Camba defende a lóxica dun modelo de asentamento ben definido ademais da necesidade dunha planificación territorial. "Hai que entender que a vivenda non pode ser produto do mercado. Ten que ser un dereito onde a Administración interveña para garantir o acceso. E iso exixe repensar a vivenda tanto a respecto dos modelos de propiedade e de uso, a través do aluguer ou dunha intervención pública potente, como das condicións dos inmóbeis”, asegura. Porque a crise non só puxo en evidencia a falta de acceso a unha residencia digna, tamén constatou que hai moitas persoas vivindo en condicións moi precarias. "As pautas de vida exixen fogares en condicións, con luz, ventilación, con espazos de uso comunitario e eficientes desde o punto de vista enerxético", salienta.

Vivenda social

Mais a especulación e a busca de beneficios complicou o dereito de acceso a vivendas de calidade. A súa escaseza derivou nun problema estrutural mais tamén nun factor de exclusión social que as cifras sobre a oferta de vivenda social da Xunta axudan a entender.

A construción de residencia protexida na Galiza caeu a mínimos históricos nos últimos anos. En 2019 rexistráronse só catro vivendas rematadas, a segunda cifra máis baixa desde que se iniciou o reconto de vivenda libre e protexida en 1991, por detrás da anotada en 2015, que fechou con só dúas vivendas terminadas.

A reforma da Lei de vivenda de 2012 revela un intento de liberalizar a oferta de vivenda e vai acompañado dunha redución do investimento en vivenda social.

Segundo os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística a partir dos informes do Ministerio de Fomento, en 2007 construíronse na Galiza 3.774 vivendas protexidas, que inclúen inmóbeis de promoción pública mais outros, resultado da iniciativa privada, da autopromoción ou de cooperativas. Ao ano seguinte finalizáronse 2.758. Estala a crise económica e comeza a caída, máis acusada a partir de 2011. Nos últimos nove anos acabáronse menos vivendas protexidas que en todo o 2007. Entre 2017 e 2019 a residencia social practicamente desapareceu, con doce, oito e catro vivendas construídas respectivamente.

Involución das políticas de vivenda

Este descenso, explica Andrei Quintiá, doutorando en Dereito Público na Universidade de Santiago de Compostela e integrante do grupo Armela de Investigación en Igualdade, Dereito e Estado Social, "pódese identificar coa política habitacional da Xunta da Galiza, que se plasma na súa reforma da Lei de vivenda de 2012, estruturada arredor do mercado".

Neste cambio, Quintiá observa un intento de liberalizar a oferta de vivenda "que vai acompañado dunha redución do investimento en vivenda social" mais tamén doutras técnicas xurídicas de protección social neste ámbito. Así, ao mesmo tempo que noutros territorios comezaban a desenvolver políticas de vivenda "innovadoras" que Galiza empezara a explorar co Goberno bipartito, "aquí o que se dá é unha involución até descargar a Administración Pública da súa responsabilidade de tutelar o dereito a vivenda", engade.

A reportaxe completa podes lela no Nós Diario de hoxe, 10 de xuño.