As 'vítimas' da 'okupación' na Galiza disporán dun servizo de atención especializada da que carecen colectivos protexidos e vulnerábeis

Vivendas (Foto: Arxina).

Xunta e Consello de Avogacía acordan dispor un teléfono gratuíto que dea asistencia especializada permanente para persoas que se consideren afectadas pola ‘okupación’. Ningún colectivo na Galiza en situacións de protección e vulnerabilidade dispón dese servizo.

Unha circular informativa do Colexio de Avogados de Santiago aos letrados e letradas asociadas informa do convenio entre IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo)  Consello de Avogacía Galega para crear unha lista de avogadas para prestar “asesoramento xurídico a persoas afectadas pola ocupación ilegal das súas vivendas”.

Toma forma así o anuncio que o vicepresidente Alfonso Rueda fixera a principios do pasado mes de outubro: habilitar un teléfono de información e asesoramento a persoas ‘afectadas’ pola ‘okupación’, compromiso que se producía en plena campaña mediática e política sobre ‘okupacións’ de vivendas na Galiza e no Estado.

“Colócase os Colexios de Avogados ao servizo dun problema inventado e alentado polo PP”, lamenta Brais González, avogado en Compostela. Así, vaise establecer un teléfono gratuíto, permanente e especializado para que chamen a el aquelas persoas que se consideren vítimas dunha ‘okupación’. Un servizo telefónico, aponta o letrado, do que non gozan colectivos protexidos ou en situación de vulnerabilidade, económica, social...

“ As vítimas de agresións seguen sen avogadas de oficio que as asistan en comisaría / xulgado para a presentación das denuncia mais presentación das denuncias mentres que aquelas persoas que consideren que sofren una ‘okupación’ van ter asesoría especializada permanente”, denuncia.

Independentemente da renda

De feito, a ese número de atención a ‘vítimas da okupación’ pode chamar calquera persoa independentemente da súa renda. Non hai límite.

Porén, os colexios de avogados denegan asistencia gratuíta a aquelas persoas cuxa renda supere os 12.700 ou 19.100 euros (segundo unidade familiar).

A isto engade que os letrados e letradas que vaian atender ese teléfono cobrarán por volta de 72 euros brutos por día de garda. “Sabes canto pagan esas mesmas institucións por visitar a 116kms, ida e volta, ao cárcere de Teixeiro a unha reclusa que carece de medios económicos? 30,30 euros!”, salienta Brais González.

Unha quenda de oficio “degradada”, “mal retribuída”, un colectivo de profesionais “afogado”, pasa ser empregado para ‘engordar’ o alarmismo da ‘okupación’, critica este avogado compostelán.