A Xunta deixa CUAC sen sanción económica, mais confirma a súa expulsión da FM

Acción de protesto contra a expulsión de CUAC da FM

Arquivado o procedimento sancionador aberto en setembro contra a radio comunitaria coruñesa CUAC FM, ao ter aceitado a Xunta as alegacións formuladas polo Colectivo de Universitarios Activos. Non haberá multa, mais si se mantén a prohibición de emisión en FM. CUAC FM continuará confinada ás emisións na rede.

CUAC FM safa de ser sancionada -o procedimento podería levar aparellada unha multa entre os 101 e os 200 mil euros-, mais recebe a advertencia formal de que a resolución do arquivo "racha calquera expectativa de CUAC FM para volver a emitir na FM", segundo a comunicación recibida pola radio comunitaria.

 

A Xunta admite que CUAC emite en FM desde hai máis de 20 anos "de boa fe", "sen ánimo de ocultación" e sen que existan "terceiros prexudicados". A administración autonómica valoriza tamén "o cesamento das emisións" [por parte de CUAC] "no momento de recibir a notificación da sanción.

 

CUAC FM enfatiza que a propia Xunta recoñece na súa resolución que a interpretación da Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual -en virtude da cal se expulsa a radio comunitaria da FM- "pode crear certas dúbidas interpretativas".

 

Así as cousas, CUAC anuncia que recorrerá esta resolución por a estimar "inxusta e contraria á lei vixente, xa que impón unha situación de facto que impide o exercicio de direitos fundamentais". En canto non se resolver esa apelación, a radio comunitaria continuará a emitir exclusivamente por internet.