Un expediente da Xunta deixa sen voz a radio comunitaria Cuac FM após 21 anos no ar

A Secretaría xeral de Medios anuncia a incoación dun expediente sancionador de até 200.000 euros contra Cuac FM por emitir “sen dispor da correspondente licenza”. O colectivo mantén que “nunca recibiu ningún comunicado, queixa ou notificación de ningún tipo” respecto da súa actividade, e nunca interferiu nin prexudicou a emisión de ningunha outra estación de radio en Galiza.

Cuac FM apaga o 103.4 e deixa de emitir após 21 anos no ar. A asemblea xeral de socios e socias do Colectivo de Universitarios Activos (Cuac) decidiu cesar as súas emisións en frecuencia modulada (FM) mais mantendo a súa actividade en Internet, tanto en streaming coma en podcasting. O motivo  de que a  radio comunitaria da Coruña fican sen voz? A notificación da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galiza informándolles dun expediente sancionador que podería implicar unha multa de entre 100.000 e 200.000 euros.

 

Desde Colectivo de Universitarios Activos lembran que nestes 21 anos de emisión “nunca recibiu ningún comunicado, queixa ou notificación de ningún tipo respecto da súa actividade, e nunca interferiu nin prerxudicou a emisión de ningunha outra estación de radio en Galicia”.

 

A Xunta, afirman, ten constancia da existencia de Cuac FM dende antes de comezar as súas emisións, o 27 de marzo de 1996. As relacións desta emisora coa Secretaría Xeral “foron numerosas e sempre no mesmo sentido. CUAC solicitou en reiteradas ocasións a reserva de espazo radioeléctrico para servizos de comunicación comunitario sen ánimo de lucro e licenzas, aínda que fosen provisionais, para salvagardar a actividade das poucas emisoras libres comunitarias que existen en Galicia”.

 

A Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010 recoñece, no seu artigo 4º os medios comunitarios coma un dereito da cidadanía, e establece na súa Disposición Transitoria 14 o dereito dos servizos de comunicación audiovisuais comunitarios de radio e televisión preexistentes, que emitían antes do 1 de xaneiro do 2009, a acceder a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade. Porén, sinalan, hai un incumprimento por parte das administracións públicas da nomeada Lei, en grao de omisión, “ao non outorgarse ningunha licenza para servizos de comunicación comunitaria sen ánimo do lucro nos sete anos despois da entrada en vigor da lei”.

 

Cuac FM é unha emisora comunitaria, sen ánimo de lucro, que nace en 1996 co fin de garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía, desenvolvendo a súa actividade  de maneira continuada, os 365 días do ano. Acadaron os 452 programas en emisión, sendo máis de 1.200 as persoas que fixeron radio e centos de asociacións, colectivos e centros educativos que pasaron polas nosas ondas. Nestes case 22 anos, Cuac FM non rexeitou nin un só dos proxectos presentados para a súa emisión.