Resposta ao BNG

A Xunta bota balóns fóra e responsabiliza o Ministerio de Enerxía do encerramento de Cuac FM

Fotografía de grupo da comunidade de persoas que dan vida a Cuac Fm

O goberno galego esquiva dar explicacións claras e chama a “agardar” por un regulamento estatal sobre servizos audiovisuais comunitarios

O grupo parlamentar do BNG apresentou o pasado 6 de outubro un escrito no Parlamento galego onde cuestiona a Xunta “sobre a apertura dun expediente sancionador contra Cuac FM”. A Secretaría Xeral de Medios contestou esta quinta-feira atribuíndo dita Acta de Inspección á Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións, entidade dependente do Ministerio de Enerxía. Segundo o goberno galego, isto obriga a Xunta de Galiza “a incoar un expediente sancionador a Cuac FM”.

 

Os nacionalistas solicitaran tamén explicacións ao goberno sobre a exclusión da radio comunitaria coruñesa no último concurso público de licenzas, en contra da lexislación vixente que recoñece e regula o acceso as emisoras de carácter social e non comercial. A resposta da Secretaría Xeral de Medios especifica que dito concurso público “non estaba adicado aos servizos de comunicación audiovisual comunitario” e defende que a Xunta adxudicou as licenzas “ás propostas mellor valoradas”.

 

A versión da Xunta, pois, insiste no cumprimento da lei e refírese á resposta do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, onde sinalan a necesidade de “reducir aínda máis as frecuencias destinadas ao servizo de comunicación audiovisual comunitario” en prol de permitir máis bandas de frecuencias aos servizos móbeis.

 

A Xunta de Galiza, por tanto, non se pronuncia sobre a adopción de medidas, senón que dilúe a cuestión ao responsabilizar a Administración Xeral do Estado da situación de Cuac FM. Segundo o executivo galego, a radio comunitaria que agora se enfronta a unha multa de até 200.000 euros por emitir sen licenza, deberá “agardar” á elaboración dun regulamento básico de prestación deste servizo.